Noriega quítalle peso á abstención nas primarias de CA e di sentirse "absolutamente apoiado"

O candidato asume como súa a lista definitiva, pon o proceso como "exemplo democrático" e asegura que "o grupo está blindado"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O rexedor de Santiago e candidato por Compostela Aberta para reeditar a Alcaldía, Martiño Noriega, reduciu a dez as abstencións no proceso de primarias da formación -fronte ás 70 que constaban na páxina web- e afirmou que sente "absolutamente apoiado".

En declaracións aos medios de comunicación, Noriega restou importancia a que houbese un 13% de abstencións nos resultados que Compostela Aberta publicou na súa páxina web, e explicou que "formalmente son só 10", xa que "o que se contabilizou como abstencións foi xente que nin votou abstención nin alcaldía, e que unicamente votou á lista". Así, Noriega respondeu que centrarse no 13% de abstencións que figuraban nos resultados oficiais "son interpretacións nesgadas e medosas fronte a un proceso que non tivo ningunha outra forza en Santiago".

Neste sentido, puxo á súa formación como un "exemplo democrático", e comparou o proceso de primarias coa composición das listas do PP, PSOE e BNG. Deste xeito, Noriega descartou un "tirón de orellas" por parte dos veciños que participaron no proceso, asegurou sentirse "absolutamente apoiado" e lembrou que foi apoiado "como candidato de consenso sen outro candidato á Alcaldía", co apoio de máis de 400 persoas.

"A MIÑA LISTA"

Martiño Noriega, como anunciara tras a presentación da súa proposta de lista, declarou que asume como propia a elección dos veciños, nunha lista definitiva que presenta cambios significativos con respecto á presentada polo alcalde. O candidato valorou de forma "moi positiva" os cambios que se produciron. "Ao final a lista definitiva é a miña lista e pon en valor a participación de máis de 500 veciños", asegurou.

Noriega non quixo pronunciarse sobre as subidas e baixadas dos membros da lista, e subliñou que "hai unha aposta, máis aló dos postos, por consolidar o equipo". "O proceso validou o conxunto e deixa ao equipo en posición de acabar o traballo", remarcou. Ademais, negou que haxa divisións internas e rifas entre concelleiras, ao asegurar que "o grupo está blindado" e con "dispoñibilidade de reeditar o goberno e o espazo de liderar a cidade nesta etapa". "Só teño boas palabras para eles por este catro anos", recoñeceu.

Mariño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela
Mariño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela | Fonte: EP

PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

Por outra banda, Noriega tamén se referiu á "preservación patrimonial", que "tamén depende da educación cultural e das campañas de concienciación e non unicamente de medidas coercitivas", en alusión á instalación de máis cámaras de videovixilancia no Centro histórico. O alcalde volveu descartar "entrar no debate de converter a cidade nun Gran Irmán"

A continuación sinalou que Santiago é a Cidade Patrimonio con máis sistemas de videovixilancia, por diante de Salamanca. O alcalde trouxo a colación a reunión que o pasado fin de semana se celebrou na capital galega con representantes das cidades do país con esta distinción para incidir en que en Santiago "hai un marco de debate que non hai en ningunha outra do grupo". "Por que será?", preguntouse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta