Prosegue a investigación sobre o caso da muller que atoparon morta cando ía ser desafiuzada

Téntase atopar a filla, quen supostamente tería deixado unha nota que daría a entender que "axudou" a súa nai a acabar coa súa vida.

Por E.P. | A CORUÑA | 26/03/2019 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A Policía mantén aberta a investigación para esclarecer os feitos arredor da muller que apareceu morta ao ir desafiuzala e que se centrarían na procura da filla que, segundo fontes consultadas por Europa Press, deixaría unha nota sobre o sucedido.

En concreto, explicaron que a comisión xudicial atopou na mañá do luns, no número 15 da rúa Perú, á muller de idade avanzada morta, ademais dunha nota na que se facía referencia a que a falecida tomaría "unhas pastillas". Esta nota, segundo as citadas fontes, estaría escrita pola filla, unha muller duns 40 anos, na que explicaba, tamén, que ambas atravesaban unha situación difícil.

Tamén daría a entender que "axudou" a súa nai a acabar coa súa vida. "Presuntamente utilizando unha almofada", engadiron as mesmas fontes sobre a morte da muller, un extremo que, con todo, non foi confirmado pola Policía Nacional, que investiga as causas da morte da septuaxenaria.

Sobre este caso, que está baixo segredo de sumario, fontes da Policía Nacional unicamente indicaron, tras coñecerse os feitos, que non se descartaba "ningunha hipótese" respecto da causa da morte. No entanto, avanzaron que "pode ser que non sexa natural", cuestión que se está investigando.

RECURSOS MUNICIPAIS

Sobre o sucedido, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de "traxedia" estes feitos, sen achegar máis datos remitíndose ao segredo do sumario, ao ser preguntado se por parte desta familia se expuxo algunha solicitude de axuda ante os servizos municipais. Con todo, fixo un chamamento ás persoas que na cidade teñan algún tipo de problema económico vinculado coa vivenda para que acudan aos servizos sociais. "O concello ten recursos á súa disposición", afirmou aludindo, entre outros, ás "axudas de emerxencia" e os pisos para casos deste tipo.

Protesta contra os Desafiuzamentos
Protesta contra os Desafiuzamentos | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta