A vítima do 'crime da rozadora' afirma que o acusado lle dixo "é o que mereces"

O acusado afirma que reaccionou movido polo "medo" e que reaccionou así porque sentiu "acurralado" e perdeu "a razón".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 18:26

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra retomou este martes coa declaración do acusado a segunda sesión do xuízo con xurado polo coñecido como 'crime da rozadora'. A Fiscalía e a acusación particular piden que sexa condenado por un delito de asasinato e outro de asasinato en grao de tentativa a 18 e 40 anos de cárcere, respectivamente.

O autor confeso do crime, José Luís V.A., relatou ao tribunal que aquel 17 de xuño de 2017 estaba rozando un camiño cando o "atacaron", en referencia ao falecido, Juan Carlos A.E., de 44 anos, e á súa filla Jessica, que tiña 22 anos naquel momento. Así, sostén que a moza o arrodeou por detrás agredíndoo cun teléfono móbil.

O acusado asegurou que reaccionou movido polo "medo", xa que entre as familias existía desde hai anos un enfrontamento por mor dun preito civil pola titularidade do camiño. José Luís V.A. xustificou que "estaba aloucado" e, aínda que admite que non viu que portasen ningunha arma, sentiuse "acurralado" e perdeu "o uso da razón". "Fixen o que fixen", apuntou en referencia ao ataque perpetrado contra pai e filla cunha máquina rozadora.

Así, recoñeceu que atacou á filla e, despois de que o pai a levase cara o portal, este saíu de novo na súa busca. Neste momento, o acusado afirma que perseguiu ao falecido "con ánimo de facerlle pasar medo", "igual" que a vítima lle fixo pasar a el.

TESTEMUÑO DA FILLA DO FALECIDO

Durante a sesión tamén ofreceu a súa versión do sucedido aquel día a filla do falecido, que rexeitou a existencia de calquera tipo de provocación ou que mediase algunha palabra co acusado. Segundo declarou na Sala, cando o seu pai e ela saíron polo portal da casa, o agresor estaba a esperalos na rúa e "sen mediar palabra, cortoulle a punta do nariz ao meu pai", asegurou.

A continuación, a vítima sostén que foi por ela e atacouna, seccionándolle os dedos e dándolle outro golpe coa rozadora que lle causou un profundo corte na cara "desde a pálpebra superior dereita ao pómulo esquerdo". Despois o seu pai fuxiu e o acusado botou a correr tras el. Jessica afirma non viu máis agresión, pero si escoitou ao seu pai pedir auxilio. Rememorou, visiblemente emocionada, que despois volveu ver ao acusado regresando en compañía dun veciño e que lle gritou "asasino", ao que o acusado contestou "estavos ben, é o que merecedes".

Este martes tamén testificaron a viúva de Juan Carlos e o outro fillo do falecido, que se derrubaron na sala de vistas ao lembrar o sucedido dous anos atrás. Ademais, declarou ante o tribunal un axente da Garda Civil que precisou que o acusado non chamou voluntariamente para confesar o crime, senón que foron os veciños quen o fixeron identificándoo. A Garda Civil telefonou ao acusado, que non respondeu nun primeiro momento aínda que, tempo despois, devolveu a chamada e confesou os feitos sendo "moi correcto, moi colaborador, pero moi tranquilo", dixo un axente da Benemérita. O xuízo retomará este mércores.

Coche da Policía Nacional
Coche da Policía Nacional | Fonte: Michel Curi.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta