Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2019 | Actualizada ás 19:26
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apunta a unha faísca dun cable de alta tensión como causa "bastante probable" da orixe do incendio que se iniciou na tarde do luns en Dodro (A Coruña) e que avanzou sen control ata o municipio veciño de Rianxo, con máis de 850 hectáreas arrasadas, segundo o balance provisional deste martes.
En Rianxo, Alfonso Rueda sinalou a hipótese dun "chispazo dun cable" como orixe do lume, aínda que remarca que "iso non é o normal" nos casos de incendio en Galicia.
Previamente, en declaracións á TVG, Rueda asegurou que o feito de que "puidese ser unha faísca que saltase" o motivo do lume "non pode distraer" de que entre "o 90% e o 95%" dos incendios son provocados.
Ademais, Rueda informa de que os medios aéreos terán que deixar de operar coa chegada da noite, polo que é "importante controlar o máximo posible antes de que desapareza a luz".
Así mesmo, o vicepresidente da Xunta móstrase "optimista" co avance do lume, "sempre con moita prudencia" polo vento, xa que "aos poucos vaise estabilizando".
Aínda que "ningunha" casa resultou afectada, o vicepresidente remarca que é unha zona "moi poboada" na que houbo risco ao estar o lume "moi preto de casas", á vez que foi necesario evacuar o instituto de Rianxo e unha escola unitaria por prudencia. "Queremos pensar que o peor xa pasou", asegura.
O lume iniciouse ás 20,09 horas do luns na parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro (A Coruña), tras o que pasou ao municipio de Rianxo. A Xunta decretou a situación dúas pola proximidade a vivendas no núcleo de Meiquiz, na parroquia rianxeira de Leiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.