Dos camiños que levan a Vox

Desde as eleccións ao parlamento de Andalucía é moito o que se ten falado da irrupción de Vox: se vén para quedarse, se pode seguir medrando e ata onde pode chegar.

Por Xoán Vázquez | New Jersey | 28/03/2019

Comparte esta noticia
Bótase en falta que se pregunte –coa debida serenidade– como foi o proceso de xestación, que é o que representa e por qué agora; ou sexa, mirar detalladamente ao ronsel dos múltiples camiños que ata aquí o trouxeron. Un fenómeno coma Vox non acontece porque si. E preguntalo desprendidos dos sempre prescindibles circunloquios e das insufribles hipocrisías do politicamente correcto. Tamén preguntarse o porqué tanta xente presinte que Vox poida ser a derradeira oportunidade de evadir unha catástrofe maior, e aínda tamén a derradeira oportunidade de acadar a democracia de verdade. Por máis paradoxo e inverosímil que semelle, hai xente que presinte que vivimos unha nova forma de dictadura, exquisitamente disfrazada de democracia liberal. “Se parece un pato, nada coma un pato, e gralla coma un pato…”, en fin. 
 
Os partidos do establishment intencionalmente artillaron un Estado hostil a un dos máis fundamentais dos dereitos históricos de toda sociedade: o dereito incontestable á lexítima defensa e a vivir en paz cos teus e no teu, na absoluta seguridade de saber que o teu é teu e que tes o dereito incontestable e indelegable a defendelo. Vox sabe que non se pode falar de democracia alí onde estea minguado, ou aínda denegado, o dereito a poder vivir en paz cos teus e no teu. E sabe que ese dereito –absolutamente inexistente en España–, por irrenunciable, é un elemento de seducción irresistible. Se lle engadirmos a ese baldeiro cívico a conivencia dos partidos do establishment cos inimigos do  Estado –varias veces demostrada–, dálle a Vox argumentos de sobra para presentarse ante o electorado como unha senlleira voz fresca e clara. Esa auréola de autenticidade e claridade é una arma poderosísima nunha sociedade necesitada de reencontrarse coa palabra espida. E ningún partido do establishment, a día de hoxe, foi quen de presentar argumentos convincentes para disuadir aos cidadáns que centraron a súa atención nas denuncias –absolutamente lexítimas– e retóricas de Vox. Ou sexa, ningún partido do establishment soubo desarmar a Vox. 
 
E non souberon desarmar a Vox porque non se pode falar de democracia de verdade onde un cidadán, polo simple feito de vivir só ou nunha casa illada afastada dos centros de poboación, nunha aldea, xa teña que vivir nun estado permanente de impotencia e terror, coa certeza de que o roubo e o asalto, ou aínda peor, é inminente, e sen dereito a defenderse, ata as últimas consecuencias, de ese lixo que impunemente se dedica a depredar, destruír e aldraxar. A cidadanía sentenciada a ser vítima sen dereito a autodefensa e sometida a un sistema legal disfuncional ao servizo dos agresores e depredadores. E a iso chamámoslle democracia “garantista” cando a única garantía que nos queda é a de ser apisoados. En fin, si eso é democracia, máis de catro rematarán dándolle a razón a D. Pedro Sánchez niso de que é de urxencia maior exhumar a Franco.  
 
E  preguntarse tamén cantas –se algunhas– das propostas de Vox se desmarcan da Constitución. Isto é importantísimo porque mentres se mova dentro dos marcos da Constitución é absolutamente impensable tomar medidas que conduzan a ilegalizalo. Respondido iso, preguntarse se é ou non unha ameaza para a convivencia en democracia; mais aquí o problema non é menor, pois esa condición dáse con sobrado fecundo dentro dos marcos da Constitución. E aceptar, sen a máis mínima dúbida, que eses millóns de cidadáns que ven en Vox a derradeira oportunidade de evadir unha catástrofe maior e que ven en Vox unha luz de esperanza, equivocados ou non, son xente do de nós. E non están cegos. E non están tolos. E non son unha bandada de mesquiños mergullados en veleno, nin están desesperados por barrenarlles a cabeza cun tiro a eses grandísimos fillos de Satanás que se dedican a asaltar, aldraxar e okupar. Son xente coma nós. Xente que queren vivir en paz, camiñar libremente polas súas rúas, corgas e corredoiras, e entrar e saír nas Súas Casas cando lles pete sen o pánico de ser invadidas, como corresponde nunha sociedade civilizada. Aí mellor non arrebolar moitas pedras. A xente ve o que ve e probablemente vexa exactamente o que ten diante. Para que poidan ver outras fontes máis fecundas na razón e outros camiños máis guiados á esperanza, como mínimo habería que sacarlle de diante os trastes. E iso…, iso si que está difícil. Os trastes están por todo. Despois de máis de corenta amos dunha democracia absolutamente dominada pola endogamia, o nepotismo, a avaricia e maila maldita cultura do chupón, é difícil non escoitar aos que propoñen cortar polo san; é difícil non soñar cunha toma da Bastilla e pór cada cousa no seu lugar. E é difícil porque é imposible renunciar aos elementos mínimos que definen a liberdade: o dereito á seguridade, o dereito á propiedade, o dereito á autodefensa (entendido como o dereito a defenderse a un mesmo, aos dun e ao dun); ou sexa, o dereito á liberdade. Cando unha democracias se converte nun retrete público de mafias de okupas, narco-pisos, puticlubs e top-mantas, ademais dos chupóns e vividores de sempre, eses elementos mínimos que definen a unha democracia de verdade son inalcanzables; mais non por iso deixan de ser irrenunciables. Velaí os caladoiros de Vox. 
 
Vox non é un fenómeno illado do que está acontecendo en España. E no será a solución, ou si, non sei; pero o problema é real. E como o problema é real, a única maneira de desarmar a Vox é sacándolle os argumentos, válidos que son eles. Mais iso non está nada fácil. Despois de tantos anos de espera, de humillacións e aldraxes, de alcaldes e presidentes de autonomías limpándose o traseiro coa Constitución, ministros e presidentes do goberno acomplexados polo atraso de décadas de dictadura, entregados a un buenismo repugnante, suicida e traidor, tan piadoso e compresivo cos depredadores coma condescendente e cruel coas vítimas, é difícil crer que o establishment poida dar  resposta a estes irrenunciables. Velaí a enigma. Velaí Vox. Vox semella ir camiño da Moncloa, a paso lento pero firme. E é triste. E é preocupante. Pero aínda sería moito máis triste e preocupante ter que sucumbir á convicción de que a alternativa poida ser varias veces peor, e xa espallan as dúbidas. Daquela, sigamos no bovinismo do politicamente correcto, maltratando aos donos dos pisos okupados, indiferentes ao terror das familias que conviven co narco tráfico, ignorando os reclamos dos negocios que teñen campamentos de lixo e merda nos portais, desprezando aos comercios legais arruinados polas mafias top-manta, indiferentes ao terror dos viven na aldea en casas illadas. Sigamos, pero non nos demos ao engano, as súas queixas e angustias xa están sendo escoitadas. 
 
 

Simpatizantes e militantes de Vox con bandeiras de España durante as eleccións en Andalucía
Simpatizantes e militantes de Vox con bandeiras de España durante as eleccións en Andalucía | Fonte: Cuatro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/