Galicia xa alcanzou os oito milleiros de transplantes

A primeira intervención deste tipo rexistrouse no ano 1981, e o pasado ano bateuse un récord. A maioría son de ril e fígado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 11:26

Comparte esta noticia

Galicia alcanzou os 8.000 transplantes este mes de marzo desde que no ano 1981 se realizou a primeira intervención cirúrxica destas características nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Máis da metade son de ril e de fígado.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) destacou que en 2018 Galicia bateu a súa marca anual, con 354 intervencións, rexistrando unha media dun transplante diario. Así, a organización destacou que esta intensa actividade púidose materializar grazas á solidariedade dos 116 doantes de órganos e as súas familias, a cifra máis elevada desde a posta en funcionamento do programa de transplantes en Galicia.

Por cifras acumuladas, desde 1981 ata 2019 realizáronse 4.203 transplantes de ril, 2.229 de fígado, 810 de corazón, 647 de pulmón e 111 de páncreas.

DIMINUCIÓN DAS NEGATIVAS

Outro dato destacable é a taxa de negativas familiares, que se situou nun índice de 16,5%, a porcentaxe máis baixa desde o inicio da actividade de transplantes, e que supón unha diminución de cinco puntos con respecto ao ano anterior.

En Galicia, na actualidade, hai 11.565 persoas con tarxeta de doante, das que 3.916 se corresponden coas realizadas en 2018.

O Servizo Galego de Saúde e a ADOS realizou un recoñecemento público aos doantes e ás súas familias pola súa "valentía, a fortaleza e a xenerosidade, que mostran nestes momentos difíciles", un agradecemento que estenden ao "conxunto da sociedade e aos profesionais dos hospitais galegos", que posibilitan "que as cifras de transplantes se manteñan en Galicia".

Hospital Clínico de Santiago EUROPA PRESS - Arquivo
Hospital Clínico de Santiago EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta