O alcalde de Chantada admite que a oferta de ir na lista ao Senado "axudou" a que volvera fichar polo PP

O rexedor deste concello lugués abandonara as filas populares no 2009, cando fora relegado do liderado local. De cara ás eleccións, comprométese a traballar por un obxectivo claro: concluír a A-56 entre Lugo e Ourense

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

O alcalde de Chantada (Lugo), Manuel Varela, admitiu este mércores que "algo axudou" no seu regreso ao Partido Popular (PP) que se lle incluíse na lista ao Senado.

Manuel Varela e López Abella, no extremo dereito e esquerdo da foto de revistaribeira.com
Manuel Varela e López Abella, no extremo dereito e esquerdo da foto de revistaribeira.com

Varela abandonara o PP no 2009 ao ser relegado do liderado e da presidencia do PP local pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Logo diso, creou a marca Independentes Terra do Asma, coa que conseguiu acceder á Alcaldía en 2011. Agora, tras anunciarse o seu regreso ás filas populares, o alcalde chantadino recoñece que o feito de formar parte da candidatura ao Senado "axudou" a que decidira volver fichar polo seu vello partido.

AUTOVÍA LUGO-OURENSE

En canto ás eleccións xerais do vindeiro 28 de abril, Manuel Varela apelou a conseguir "o apoio dos lucenses" e, para iso, comprometeuse a "traballar por esta provincia" e pola súa comarca. "Por Chantada claro", abundou.

O rexedor de Chantada quere utilizar a Cámara Alta "para traballar, sobre todo, cun obxectivo moi claro se chega a gobernar o Partido Popular; o obxectivo é concluír a autovía Lugo-Ourense, a A-56". "Dá pena ver como estamos de comunicados duns anos para aquí coa 540, que nos queda totalmente obsoleta", lamentou.

Respecto diso, recoñece que foi un tema que se falou "desde o primeiro momento" nas negociacións. "Esas cousas que se barallan para a nosa zona teñen que ver coa propia Xunta de Galicia e coa Deputación se se chega a gobernar, do mesmo xeito que con Madrid", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta