Ana Miranda pide á xustiza arxentina que acelere o proceso para a imputación do exministro Martín Villa

Miranda destacou a "valentía" da xuíza Servini e do seu equipo, que, "coas dificultades de medios que teñen", son "un exemplo democrático de loita contra a impunidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2019 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A eurodeputada do BNG e membro do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, Ana Miranda, reuniuse en Buenos Aires coa xuíza arxentina María Servini, que instrúe desde 2010 o único proceso xudicial do mundo que investiga os crimes do franquismo, para pedirlle que acelere o proceso de imputación a Rodolfo Martín Villa, ministro desde 1975 a 1979, por seis presuntos homicidios cometidos durante a Transición.

Así o sinala o BNG a través dun comunicado no que explica que Miranda se reuniu coa xuíza que impulsou a denominada 'Querela arxentina contra o franquismo'. A reunión tivo lugar despois de que Miranda participase na "masiva" marcha contra a impunidade que tivo lugar en Buenos Aires con motivo do cumprimento dos 43 anos do golpe cívico militar en Arxentina o 24 de marzo de 1976.

Miranda destacou a "valentía" da xuíza Servini e do seu equipo, que, "coas dificultades de medios que teñen", ao seu xuízo son "un exemplo democrático de loita contra a impunidade". Martín Villa foi ministro nos primeiros gobernos posteriores ao franquismo e deputado do Partido Popular entre 1989 e 1997. Está investigado nesta causa pola súa actuación como ministro da Gobernación, equivalente ao actual cargo de ministro do Interior. O supostos seis homicidios terían lugar nunha xornada de folga en Vitoria (marzo de 1976), con participación da Policía Armada, a Garda Civil ou o grupo de extrema dereita Guerrilleros de Cristo Rey.

GOBERNO DE RAJOY

Así mesmo, Ana Miranda pediu ao Goberno de Pedro Sánchez que anule a decisión que foi tomada polo Goberno de Rajoy e "colabore realmente coa xustiza arxentina". A eurodeputada tamén criticou que "en lugar de estar a colaborar, os sucesivos gobernos estatais pon trabas a que os crimes do franquismo sexan xulgados".

No encontro coa xuíza, Ana Miranda achegou a 'Resolución do Parlamento Europeo sobre o avance do fascismo', que se aprobou o 25 de outubro de 2015, para que sexa incorporada ao expediente do franquismo. A eurodeputada tamén lle entregou o libro dos investigadores galegos Carlos Babío e Manuel Lorenzo no que se relaciona á ditadura co espolio económico. Segundo o BNG, a xuíza mostrou un "gran interese" neste tema.

ORDE DE DETENCIÓN INTERNACIONAL

A xuíza María Servini ditou en 2014 unha orde de detención internacional para que o exministro Rodolfo Martín Villa fose extraditado a Arxentina para tomarlle declaración "no marco da Querela arxentina contra o franquismo, que contén varias causas de delitos de lesa humanidade cometidas polo franquismo."

Con todo, a solicitude de extradición foi rexeitada mediante un acordo do Goberno de Rajoy en marzo de 2015. Despois da negativa por parte do Goberno español a colaborar coa investigación dos crimes do franquismo, Servini emitiu unha comisión rogatoria para tomarlle declaración a Martín Vila nos xulgados españois. Con todo, esta primeira comisión rogatoria foi rexeitada outra vez en outubro de 2016.

No marco desta situación, a eurodeputada galega pediu á xuíza Servini que "acelere o proceso para que acabe imputando, xa que suporía reclamar tamén o enjuiciamiento dos responsables dos crimes contra a humanidade cometidos durante a Transición e o réxime franquista". Así mesmo, a xuíza e o seu equipo consideran que debe haber máis colaboración xudicial en aplicación da xustiza universal, xa que se trata de crimes contra a humanidade e lamentan os atrasos existentes desde o Estado español.

Ana Miranda pide á xuíza arxentina Servini que acelere o proceso para imputa. BNG
Ana Miranda pide á xuíza arxentina Servini que acelere o proceso para imputa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta