As mulleres da Praza de Abastos: como habitar un espazo e facelo seu

Nun lugar ocupado historicamente por figuras femininas, Fina, Montse e Almudena contan que van alí por diñeiro, pero tamén porque lles presta "o trato familiar": "o cliente vén pola persoa, non polo produto". "Antes non tiñamos carné, traíannos os homes; agora é distinto", din sobre os seus inicios. Elas e as súas compañeiras protagonizan unha exposición fotográfica de Manuel Blanco.

Por Silvia López | Santiago de Compostela | 28/03/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As rúas de Santiago énchense de balbordo cando vai bo tempo —malia non estar aínda nese tempo do bo tempo— e os pasos xa se volven máis lentos, sen présa, sen necesidade de escapar da chuvia. O paseo lévame á Praza das Praterías e bátenme os ollos no cartel dunha exposición, alí na Casa do Cabido: ‘Elas, retrato dun mercado’, unha serie de 40 imaxes que tomou Manuel Blanco ás mulleres da Praza de Abastos. Entro, claro. Marabíllome e xa saio querendo coñecelas. Vou aló.

Fina leva vindo ao Mercado dende hai cousa de corenta anos. “Con trece ou catorce viñamos porque nos traían nosas nais e nosas avoas, que vendían grelos, patacas, ovos... Despois xa me quedei, porque isto engancha”. Coma quen tece fíos entre os testemuños que se escoitaban no vídeo da exposición e esoutros que estaba oíndo de viva voz alí mesmo, mesturo as conversas e váiseme aparecendo un retrato xeral.

'Construtoras de rañaceos con cestas': así lles chamou a historiadora Encarna Otero a estas mulleres
'Construtoras de rañaceos con cestas': así lles chamou a historiadora Encarna Otero a estas mulleres | Fonte: Manuel Blanco

— Vimos por gañar diñeiro, claro.

— Nós vimos por deporte! — ironizaba Montse, e botaban a rir as dúas coa ocorrencia.

“Gustar, gustar... Era a necesidade, máis ben”, lembro que dicía unha das señoras da única peza audiovisual da exhibición. “Vestín os fillos e deilles de comer grazas ao que gañei aquí. Se tivera unha paga non viña, pero se querías tirar pola vida cara a adiante...” Son elas as “mulleres que resolveron tantas fames, en economías propias e solidarias”, como as describe a historiadora Encarna Otero no texto que acompañaba as fotografías de Blanco.

NON SÓ É O PRODUTO, É A PERSOA

Así e todo —máis alá dese incentivo económico que todas procuran—, hai algo nesa trasfega do Mercado, cheo de olores, cores e sabores, que as atrae. “É o trato cos clientes. Aquí é outra cousa. É todo máis familiar”. Di Montse que quen vai mercar a un posto vai pola persoa, non simplemente polo produto, porque acaba por establecerse unha relación de confianza entre a vendedora e o cliente que supera as que se poden dar noutras superficies.

Vista da exposición de Manuel Blanco, na Casa do Cabido de Santiago de Compostela
Vista da exposición de Manuel Blanco, na Casa do Cabido de Santiago de Compostela | Fonte: GC

— Falan máis, contan máis. Primeiro veñen chorar as penas e despois compran.

 —Si, e sempre hai aquilo de “gárdame iso para tal día”,  “isto hoxe non vale para ti, volve mañá“ ou cousas así. Nos supermercados, por exemplo, tes que adaptarte ao que hai. Aquí non — engade Fina.

Tamén Almudena prendeu do ambiente da Praza. Ela, máis nova e con menos experiencia ás costas —vanse cumprir dous anos desde que se instalou alí—, recoñece que sempre quixera ter un postiño no mercado. Medrou co costume de ir comprar a eses espazos e chamáballe a atención “iso de falar coa xente”, que é “outra maneira de facer amizade”. E non só cos consumidores. Os lazos de familiaridade acaban por unir tamén as propias vendedoras.

“Mira, esta é Vitoria, que se senta aquí á miña beira (...) Esta pónseche alí daquel lado (...) Esta tamén che é moi faladora”. Montse vaime presentando as súas compañeiras mentres pasa as páxinas do libro que recompila as fotos de Manuel Blanco. Párase nunha delas. “Esta é Felisa”, prosegue, mentres toca o retrato coa man, coma se verdadeiramente lle acariñara a pel á outra muller. Felisa anda polos 86 ou 87 anos e leva dous xubilada, logo de pasar toda unha vida alí. “Custoulle moito deixalo, pero xa non podía andar. Eu axudáballe a carretar as cousas”.

 

COMO VAN CAMBIANDO OS TEMPOS

Quen sabe se a Montse tamén se lle faría costa arriba ter que abandonar ese lugar agora. No seu caso, acabou alí un pouco por rebote. “Eu antes cosía. Aquí viña traer a miña nai, porque ela non conducía. Primeiro estaba meu pai, pero a el non lle gustaba pasar tantas horas no mercado. Tampouco a min, pero cambioume a idea e funme adaptando”, conta. Antes, moitas mulleres da contorna de Santiago só podían achegarse cando o home se desprazaba á cidade para facer algún recado ou ir ao médico. “Nós non tiñamos carné, pero agora éche distinto”, dicía unha das señoras no vídeo da exposición.

Eses cambios tamén se materializan na evolución da cantidade de homes e donas que habitan a Praza. Sempre foi un lugar de mulleres, ten entendido Almudena. Pero “non!, agora case hai tantos homes coma mulleres, sobre todo carniceiros e peixeiros”, solta Fina, para engadir que “quen seguen sendo maioría de mulleres son esas señoras que veñen cos produtos das súas hortas, cargadas coas bolsas”.

Esas “construtoras de rañaceos con cestas”, como lles chamou Encarna Otero, non teñen moi claro se haberá quen siga termando do Mercado nun futuro. “Teño sete netos, pero ninguén quere este traballo, que é moi escravo. Hai que baixarse polos pementos, sachar, regar… Doe o carrelo”, lamentaba unha das entrevistadas por Blanco. Fina e Montse, porén, non pensan o mesmo. Aínda conscientes da perda de consumidores e tamén de vendedoras, Montse confía no turismo e na xente máis nova (de acordo ás tendencias de comida sa e ecolóxica) como garantía de supervivencia.

Canda a contorna, habían de perdurar tamén as peculiaridades de compra-venda, de relación social e eses diálogos que enchen a Praza de sabedoría popular. As leitugas rizadas e escarolas ou as de follas lisas; as cebolas ácidas; os pementos de Padrón, que uns pican e outros non... Son "moitos anos de vuelo" os que fan falta para ir conformando ese saber compartido no Mercado de Abastos e, agora, tamén unha miguiña na exposición da Casa do Cabido, en cuxa saída me acompañou unha conversa:

— É que as señoriñas son tan simpáticas…
— Son, si. E Manuel pillounas en momentos moi paveros.

Unha das protagonistas de 'Elas, retrato dun mercado'
Unha das protagonistas de 'Elas, retrato dun mercado' | Fonte: Manuel Blanco
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

3 Pmqv

Hay dos cosas que se ven solo en Santiago y que tendrían que estar prohibidas: hombres que llevan el paraguas colgado del cuello de la chaqueta, por la espalda, y mujeres que llevan cestos en la cabeza. Las dos prácticas son la mejor representación de la gaña que aún pervive entre algunos indígenas, pero llevar pesos en la cabeza que hace tanta gracia a ciertos urbanitas produce aplastamientos cervicales, sufrimiento y dolor, así que no debía estar permitido.

1 Ganhán des bois

Tamén había que prohibir tipos coma ti. E os que somos educados, temos un bo posto de traballo e gañamos probablemente o triple que ti, aínda que escribamos en galego, soportámosvos estoicamente. Aínda que non cho pareza e esteas seguro absolutamente do contrario, tu non só formas parte desa gaña, senón que es dos membros máis destacados.

2 Adela

É vergoñento o teu comentario, polo que amosa de racismo urbanita e paletismo en grao sumo. Non quería contestar pero pódeme a xenreira. Acaso ti pensas que as coitadas mulleres levan as cestas na cabeza por gusto?, acaso os homes levan os paraugas no lombo porque lles peta?. Todo na vida ten un por que, e se te pararas a pensar iso non dirías estas parvadas propias dunha persoa que ademais de ser un maleudacado es un parviño en potencia.

3 A gaña

Os levan porque queren e lles dá a gaña "a algunos indígenas". Comentario propio dun gañán con miolos de aserrín e alma de pedra pómez.

2 Manuel G.C

Tamén a min me encantaba de neno ir á praza e ver tanta xente, tanto rebumbio e, sobre todo, a arte que teñen as mulleres para comerciar. É algo que me fascinou sempre, como poden levar a casa, os fillos e o traballo. Ben é certo que merecen un e mil monumentos. E, por certo, moi boa reportaxe. Nótase que hai moito sentemento nela.

1 Adela

Si. Esas nosas nais e esas nosas avoas que fixeron tanto por este país e que ninguén recoñece. Fermosa reportaxe.