Detidos ao traficar con cocaína por correo

Dous mozos da comarca do Salnés (Pontevedra) enviaban esta sustancia a través de paquetería ordinaria. Un deles vivía en Madrid, dende recibía a droga para posteriormente distribuíla a pequena escala

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 28/03/2019 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional da Comisaría Provincial de Pontevedra detiveron dous mozos arousáns por remitir cocaína camuflada en envíos de paquetería; un deles enviábaa e o outro recibíaa.

Detidos dous mozos do Salnés (Pontevedra) por remitir cocaína camuflada en paquetes. POLICÍA NACIONAL
Detidos dous mozos do Salnés (Pontevedra) por remitir cocaína camuflada en paquetes. POLICÍA NACIONAL | Fonte: Europa Press

Segundo informou a Policía Nacional, efectivos da Comisaría de Pontevedra finalizaron unha investigación que se iniciou semanas antes en base a informacións obtidas grazas á colaboración cidadá. Supostamente, segundo o relato policial, un mozo de Vilagarcía de Arousa "poderíase estar a dedicar ao tráfico de estupefacientes, cocaína, a pequena escala, efectuando envíos da sustancia a través da paquetería ordinaria".

Unha vez comprobada a información recibida, os axentes localizaron varios envíos recibidos por este individuo ao longo dos últimos meses "baixo unha cobertura supostamente legal", indicou a Policía. Así, a finais do mes de marzo, tivo lugar un novo envío que foi interceptado polos axentes policiais, que comprobaron que "oculto no interior dun pequeno paquete viaxaba a cocaína, que foi inmediatamente intervida por parte dos axentes policiais", concretaron as mesmas fontes.

A última fase da investigación consistiu na localización e detención tanto do receptor da droga, que posteriormente distribuía polo miúdo entre os seus propios clientes, como do individuo que levaba a cabo os envíos, que se facía pasar por outra persoa.

Ambos mozos son naturais da comarca do Salnés, aínda que o receptor da sustancia estupefaciente actualmente ten o seu domicilio en Madrid, desde onde se facía cargo dos envíos para a súa posterior distribución a pequena escala, concretou a Policía Nacional.

Por estes feitos tramitouse o correspondente atestado policial, que foi remitido ao xulgado de garda de Vilagarcía de Arousa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta