A Xunta traslada ao Ministerio expedientes sobre a entrada de madeira ilegal en Galicia

Ordenación Forestal admite "preocupacións xustificadas" de Greenpeace e informa dunha nova acta levantada a unha empresa de Pontevedra

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2019 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

A Xunta deu traslado ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de varios expedientes relativos á entrada en Galicia de madeira supostamente ilegal de países como Brasil e Myanmar.

Diso informou en resposta parlamentaria ao PSdeG na comisión de Ordenación Territorial o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan.

Greenpeace presentou en febreiro ante a Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia unha denuncia na que solicita que se investigue o "incumprimento" por parte da Xunta e de empresas do sector forestal galego da lexislación que obriga a verificar que a madeira que entra no mercado da UE a través de empresas de Galicia é legal e non procede da violación de dereitos humanos. Ao longo de 2018 presentou tres reclamacións ante o Goberno galego por "madeira de sangue" procedente de Brasil e Myanmar.

Sobre este extremo, Chan recoñeceu as "preocupacións xustificadas" de Greenpeace acerca desta problemática, pero incide en que a Xunta está "a mellorar todo tipo de control".

CASOS

Así, José Luís Chan referiuse a a entrada de madeira tropical procedente de Brasil introducida polo porto de Vigo, aínda que sinala que foi comercializada por unha empresa con sede en Portugal. O expediente foi remitido ao Ministerio para que remita copia á Axencia Tributaria e ao Estado portugués.

Remarca que se producen entradas de madeira vía países como Portugal, Países Baixos ou Italia, polo que cre que esas autoridades competentes son as que teñen que "controlar" o que ocorre coas súas empresas.

Ademais, o responsable de Planificación e Ordenación Forestal deu conta doutros casos como a acta levantada a través do Seprona a unha empresa de Pontevedra, tras un control que se fixo. Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Vilán reprochou ao Goberno galego que este é "un problema que vostedes coñecían pero que parece que tiñan en 'stand-by".

Camións trasladando madeira cortada
Camións trasladando madeira cortada | Fonte: esmola.wordpress.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta