Brigadistas din que "non están ao completo" para atacar os lumes

Declarado un novo lume en Ponteareas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2019 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O colectivo de traballadores das brigadas de reforzo de incendios forestais (BRIF) denuncia que a falta de execución dun acordo alcanzado hai máis de 15 meses impediu que o colectivo "ao completo", conformado por 560 traballadores, colaborase nos labores de extinción de lumes como o de Rianxo e Dodro (A Coruña), que queimou máis dun milleiro de hectáreas.

Nun comunicado, advirte de que convocarán concentracións o próximo día 11 de abril se non se atenden as súas demandas laborais. Ante o perigo do seu traballo, ademais, critican que o salario actual dun bombeiro forestal especialista é de 1.000 euros brutos ao mes, "o que se traduce nunha percepción real que non chega a 900 euros moitos meses do ano" e "menos aínda" os que van ao paro.

"A non aplicación do acordo deixa, entre outras cuestións, a persoal principalmente veterano, co correspondente capital humano que isto implica, sen unha segunda actividade", critican. Censuran, así, a actitude dos políticos" cun persoal "que se xoga a vida por salvar o patrimonio natural" e que se encarga "de protexer a vida das persoas afectadas, en condicións precarias como as de todos e cada un dos bombeiros forestais deste país".

Un membro do Brif no lume de Mondariz
Un membro do Brif no lume de Mondariz | Fonte: BRIF

PONTEAREAS

Por outra banda, un novo incendio en Ponteareas (Pontevedra) rexistrado este venres ás 16,51 horas sumouse este venres á vaga de lumes ocorridos durante os últimos días en Galicia.

Segundo informou a Consellería do Medio Rural a Europa Press, o lume, localizado na parroquia ponteareá de Padróns, atópase activo e, ata este momento, estímase que afectou a unha hectárea e media. Así mesmo, a Consellería detallou que ata o lugar dos feitos desprazáronse tres axentes, tres brigadas, unha motobomba e un helicóptero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta