A Xunta declara que "oito de cada dez" incendios desta semana foron provocados

Foron máis de setenta lumes en total segundo o conselleiro de Medio Rural quen ademais sinalou que o operativo contraincendios "é suficiente e adecuado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2019 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

A vaga de incendios desta semana deixa polo momento 73 lumes, dos cales "oito de cada dez son provocados" mentres había "vento nordeste", segundo informou este venres o conselleiro de Medio Rural, José González.

En declaracións aos medios, o conselleiro destacou o servizo "excepcional" de loita contra o lume en Galicia, que deu lugar a que dous terzos dos incendios quedasen en conatos de menos dunha hectárea, mentres "só un 4% pasaron das 25 hectáreas".

Preguntado se cre que é adecuado o operativo para esta época do ano, José González remarca que "é suficiente e adecuado". Apunta que agora mesmo hai 2.000 persoas e se se suman os grupos de emerxencia supramunicipal e da Axencia Galega de Emerxencia hai ata 3.000.

A modo de exemplo, explica que no lume de Dodro e Rianxo participaron un total de 615 efectivos, coa colaboración de UME, Protección Civil e Garda Civil, entre outros, así como un "número importante de medios materiais". Defende que son "todos os medios dos que dispón a Xunta".

Respecto das investigacións dos últimos lumes, González deixa claro que "quen provoca un lume ten que pagar", tanto "en consecuencias penais como custos do incendio". "Se se acredita o causante do incendio cobrarémoslle os custos de intención", di sobre a hipótese de que a causa do lume de Dodro e Rianxo fose unha faísca dunha torreta eléctrica, extremo negado por Naturgy.

Con todo, apunta que é "moi difícil coller aos incendiarios nas patacas", polo que resalta que é "fundamental a colaboración cidadá", mentres se traballa na activación dun teléfono de denuncias confidencial. Noutra orde de cousas, o conselleiro informou de que se avanza na lei de recuperación e posta en valor da terra agraria para favorecer a mobilización de terreos abandonados.

O conselleiro do Medio Rural, José González. RADIO GALEGA
O conselleiro do Medio Rural, José González. RADIO GALEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Uu1

Eu diria que todos eles foram provocados. sempre é o mesmo conto, eles não têm ou não querem explicar as razões e as causas. Quer dizer que foram intencionados? Apenas desculpas para mal pagador