Impulsan intercambios de xente nova cun acordo asinado entre o goberno galego e a Rede de Albergues

O obxectivo do programa é potenciar o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade, facilitándolles formación en diferentes actividades profesionais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2019 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia e a Rede española de albergues xuvenís (REAJ) impulsan, por sexto ano consecutivo, o 'Programa de Intercambios Xuvenís' en albergues internacionais.

Segundo informa a Consellería de Política Social nun comunicado, o programa proporciona aos mozos a oportunidade "única" de vivir e colaborar en albergues doutros países onde "poderán gozar dunha experiencia internacional mellorando as súas habilidades e capacidades".

O obxectivo do programa é potenciar o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade, facilitándolles formación en diferentes actividades profesionais.

COÑECEMENTO "INTERCULTURAL"

Ademais, permitiralles adquirir un coñecemento "intercultural" durante a súa estancia no país de acollida a través do impulso da aprendizaxe de idiomas, o respecto por outras culturas e formas de vida, e a súa influencia en diferentes ramas profesionais.

A nova convocatoria ábrese este domingo e ofrecerá prazas en albergues de República Checa, Escocia, Eslovenia, Portugal, Países Baixos, Italia, Croacia e Inglaterra. Poderán participar persoas de entre 18 e 30 anos de idade que teñan o carné de alberguista e que acrediten o nivel B1 en lingua inglesa. Os participantes só asumirán o custo do desprazamento, xa que o aloxamento e a manutención son gratuítos e a duración dos intercambios é de entre dúas semanas e tres meses.

TAREFAS DO ALBERGUE

Aqueles que participen deberán levar a cabo as tarefas asignadas polo albergue de destino, cunha xornada que non superará as 40 horas semanais e con dous días libres por semana.

Así mesmo, os interesados deberán apuntarse na páxina web da REAJ e tras completar o formulario, os candidatos terán que enviar por e-mail a voluntariado@xunta.gal o carné de alberguista escaneado e o certificado do nivel B1 en inglés ou de selectividade.

Tamén terán que enviar unha carta de motivación en inglés explicando por que queren participar no programa. Doutra banda, a Xunta destaca que desde a posta en marcha da iniciativa xa participaron 125 mozos españois, 48 deles galegos.

Albergue. CONCELLO
Albergue. CONCELLO | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta