Todos contentes

Pero sempre hai quen non o está e o manifesta e molesta… porque a festa democrática é iso: unha festa, e quen non sae satisfeito dela é un amargado, un inadaptado.

Por Xosé Dorrio | Ourense | 25/11/2011

Comparte esta noticia

Non me satisfai o resultado destas eleccións, non porque gañase o PP, feito que me agrada por outra banda porque unha democracia consiste precisamente niso, na rotación do poder, na posibilidade de que este cambie de mans cada catro anos,… cousa que algúns nos parece insuficiente pero que, en todo caso, é mellor que cada 40 anos.

Non me satisfai pola incapacidade que a sociedade ten para artellar, máis alá de movementos sociais reivindicativos, instrumentos políticos. Nunca Máis, Galiza Non Se Vende e agora este outro global, o da indignación, o 15M, son un bo exemplo. Das súas reivindicacións xurdiron cambios de poder pero as súas premisas foron e seguirán sendo ignoradas. O único movemento que si foi, é e será capaz de facer rendible os seus valores e as súas accións é a ezquerra abertzale, que conta con semellante capacidade de autorrexeneración, de crear novas marcas políticas e de mover persoas, sen caer no fastío da consolidación de elites políticas, que o seu caso merece ser estudado nas Facultades de Ciencias Políticas. O último elefante branco facía presaxiar nas mentes máis optimistas un cambio de rumbo, fartos de que os mercados xoguen cos nosos intereses (tamén os da débeda), reducindo os nosos dereitos e ampliando as nosas obrigas, mais, unha vez máis, conduciunos a asfixia dos principios que fundamentaron séculos atrás a revolución francesa, serme das democracias actuais, que deberían asegurar a igualdade, a liberdade e xustiza para todos, independentemente da vontade da maioría. Iso era doado defendelo naqueles tempos nos que a vontade humana non estaba supeditada a mercadotecnia e era posible razoar ideas sen máis influencia que a das persoas que nos arrodean. Agora son os cartos dunha minoría os que deciden ás maiorías que nos gobernan, convertendo ás persoas en meros seareiros do que foron uns ideais… non sei canto tempo tardaremos pero parece que emprendemos a senda de volta a camiñar a catro patas.

É doado comprender que miles de persoas se sentisen defraudadas, mesmo estafadas,  co PSdeBNG, a coalición que nos goberna aínda en moitos concellos, e os castigase cunha perda de votos próxima aos 330.000, apoios estes de persoas presumiblemente de esquerda, sen que atopasen unha opción na que verdadeiramente se sentisen representados. É máis, ningunha forza foi capaz de crecer, nin sequera a gañadora, máis do que suman cuantitativamente voto nulo e voto branco. Como para pensar en recoller o voto perdido da pseudoesquerda.

Nin o tinxe verde que cubre a partidos como EU-LV ou eQuo foron capaces de favorecerse desa caída nun escenario de quecemento global, rías e ríos sucios, verdes, montes queimados, negros, e un ar irrespirable, cada vez menos transparente. Uns quizais polo rancio pasado, os outros por levar un traxe verde que nunca lle foi emprestado polo activismo ecolóxico do país, deste país.

Un país este que ve, como cada comicio que pasa, calquera do que se trate (europeo, estatal, nacional ou local) ve como os partidos da terra perden peso sen que xurdan alternativas. Non é de estrañar o enfado de Xosé Manuel Beiras no luns de resaca, o realmente estraño é que saíse na rolda de prensa que ofreceu con cada pelo perenne inmutable -isto é envexa- e non os arrincase todos na noite electoral, por non ter saído antes da fronte nacionalista. Que ninguén albisque respecto a esta tendencia esperanza de que algo poida cambiar no nacionalismo galego proximamente, nin dentro, nin fora. O inmobilismo -de ideas e persoas- é marca da casa.

E agora, máis que antes da campaña, cumpre alongar o sorriso finxido na faciana e disimular a derrota, pois todos saímos derrotados, pero contentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé Dorrio Nacín en Ambía e aos 11 anos trasladeume a Ourense, onde resido dende os 11 anos. Sempre me lembro traballando e estudando, ate chegar a universidade. Licenciado en Dereito e logo fixen un Máster en Dirección de Persoal e Asesoría Laboral e outro de Axente de Emprego e agora ando para rematar a Licenciatura de Ciencias do Traballo, tamén na UOC. Traballei como Técnico de Emprego en ASPANAS.