Os cráteres da lúa e a serpe enroscada

Nesta vixésimo terceira entrega de 'Viaxes sen Lee' a exploración emocional de Gabriel Rei-Doval arriba ás chairas de Idaho, onde mito e realidade se funden na terra dos Shoshone Bannocks.

Por Gabriel Rei-Doval | Idaho Falls (Idaho, USA) | 03/04/2019 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Conta a lenda dos Shoshone Bannocks que, antes da noite dos tempos, unha serpe xigantesca vivía placidamente no Snake River de Idaho. Procurando calidez natural para sobrevivir coma calquera cóbrega, saía á raxeira para gozar do sol e enrodelábase na montaña toda onde hoxe xacen os Cráteres da Lúa co sol a aloumiñala como fiel amante enroscado en noites dolce far niente.

Chamando polos restos petrificados da serpe enroscada
Chamando polos restos petrificados da serpe enroscada

Un día de maio, despois de moito tempo recibindo a calor do astro sol, algo inexplicable debeu acontecer, porque a descomunal serpe acabou co sistema cortocircuitado polos moitos e intensos aloumiños solares. Naquel tempo case estival, a súa mente reptiliana, temendo cambios demasiado radicais, botou en falta a friaxe do acuoso medio en que nacera, criara e vivira tanto tempo. E foi así como, canda as Letras Galegas, os lóstregos que seguen a calor abafante comezaron a impactar no corpo da serpe e a súa dureza silenciosa de sangue frío virou en inesperadas gadoupadas, que impactaron con estrondo na consistencia telúrica do terreo. Deste xeito, o que fora impresionante montaña compacta comezou a derreterse e a formarse a máis negra e líquida lava volcánica que os espíritos locais lembraban.

A calor xerada pola serpe enroscada  e as súas descomunais rabexadas acabaron destruíndo o hábitat natural dos Shoshone Bannocks ata tornalo irrecoñecible, e a súa irreprimible ira de sangue frío volveuse cal contundente búmerang contra ela mesma, que acabou recibindo os sufocantes ríos de lava procedentes da montaña. A mastodóntica serpe coidaba sabe-lo que facía no seu remexer iracundo para escapar do líquido volcánico que a súa propia carraxe creara. Mais a consubstancial lentitude de movementos reptilianos acabou atrapándoa na lava e calcinoulle pel, carne trémula e osamenta. E así, sufocada no seu orgullo, a serpe esqueleto ficou calcinada petreamente no que hoxe coñecemos como Craters of the Moon.

O lado máis escuro e calcinado do ser humano sempre acaba manifestándose –for en Idaho, Pikes Peak ou Numancia– cando a mente reptiliana dubitativa fica atrapada nos canóns da inconsciencia desatenta. Porque a ausencia de calidez, humana e non, pode ser tan daniña para o Ser coma a incompetencia para manexala en demasía.

O meu caletre, derreado tralos días longos de condución polas chairas estadounidenses, seguía a oscilar entre os inspiradores mitos nativo-americanos e o seguimento atento das estradas secundarias. Por iso, na transición entre Bozeman, Yellowstone e os Cráteres da Lúa, previo paso pola turística Jackson, decidín facer noite en Idaho Falls. Alí, a visita ó acuático centro urbano e unha saborosa hamburguesa de alce á beira das fervenzas máis diminutas de Norteamérica precederon a miña arribada serodia a Esquire Acres Park. 

Sentindo a lava volcánica dos Craters of the Moon
Sentindo a lava volcánica dos Craters of the Moon

Co sol bicando o lusco-fusco, entrei nunha casa moderna e impersoal de planta baixa escoltado por Miss Gipiés. Alí estaba á miña espera Jacey que, segundo Airbnb, falaba portugués e inglés a partes iguais. Coa pel dourada coma garota de Ipanema e meloso acento de Copacabana, recibiume con cordialidade latina e ademáns gringos nunha sala de sofás modulares verdes. 

Logo dunhas breves palabras, Jacey mostroume a alcoba simple e austera onde descansar da extenuante viaxe. Nun estante elevado tralos cabezais, dominaba o cuarto unha pedra solar a escala, na mesa de noite xacía o Book of Mormon e adornaba a xanela un lirio de sego en xardineira ovalada. Non había dúbida: os estímulos espirituais vixiábanme de preto.

Acordáronme os vapores telúricos de Yellowstone, que deixaran na miña boca un raro gusto de fel, migas, menta e torreznos. Aínda cedo para entregarme ás apertas vespertinas de Anapana, dei en retornar á sala verde que te quero verde de butacas modulares mentres Jacey andaba nun ir e vir domesticador con aquel trío de pícaros a resisti-las normas da divina obediencia. Eu entrementres dedicábame a coñece-lo futuro do meu corpo, que nin estaba en Colorado nin en Idaho, senón onde habita o esquecemento

Cando Jacey deu acomodado aquel trío de loucos baixiños que se meneaban cos seus xestos pola casa adiante, sentou no módulo verde perpendicular á miña dereita e comezou o seu parladoiro en inglés. Máis tarde, ó interrompela eu en galego para preguntarlle pola súa chegada a Idaho Falls, agromou o seu meloso falar carioca e, como se a lingua proletaria do meu pobo mudase a súa contención de esposa gringa, contoume a arribada do seu marido enxeñeiro desde Salt Lake City, con cabelo ben peiteado e gravata gris marengo, ó interior fluminense para predica-la fe derradeira. A súa espiritualidade reforzárase coa forte atracción polos intensos ollos azuis de Jared, que tamén pasean pola casa os dous pícaros maiores. 

Cando el lle ofreceu en caixiña ovalada de motivos solares o anel estival de compromiso, Jacey soñou esperta en noite de San Xoán coa posibilidade de viaxar á terra das oportunidades para formar unha familia eterna. Pouco despois da viaxe e ulterior casamento foi chegando a nova familia, xestada desde a súa recente maioría de idade coa intervención dos inexorables designios divinos. Nunha cidade do mesmo tamaño e inmigración latina ca Ferrol, as amizades paulistas e gaúchas axudáranlle a sanda-la súas saudades cariocas, mentres o seu dominio do inglés medraba canda os maimiños dos fillos.

Coa chegada do último pícaro, Jared, cada vez menos interesado en espila nas escuras noites de Idaho, pasou de compañeiro fiel a ausente enxeñeiro de éxito. Seica obrigado asemade polas chamadas da familia de orixe para colaborar nos arduos labores agrarios, a súa ausencia comezou notándose en fins de semana ocasionais e tornouse case continua, sobre todo nas frías lúas sen mel de recio inverno chairego. As obvias mentiras piadosas de Jared tiñan servido como narcótico espiritual contra o mal de amor, mais xa nin as oracións en domingo ante os brancos lirios de sego abondaban. As obrigas familiares cos rapaces, o apoio afectivo das compatriotas fluminenses e a distancia saudosa do sol carioca fixéranlle ata agora celebrar con Jared os catorce de febreiro.

Mais o sol espiritual mormón, que alimentara os seus afectos durante décadas, estaba a requentarse no serodio estío de Idaho, e calquera día a columna emocional de Jacey, expatriada demasiado tempo no Snake River, podía fenecer carbonizada coma a da serpe dos cráteres lunares. De momento, o compromiso marital mantiña calidez estacional moderada; con todo, un abrente calquera, en visita prolongada ós cráteres da lúa sen refrixerio abondo, o sol podía tornar en estufa de propano e ás estrelas esquecerlles deita-la súa sombra no aire da herba, carried away by a moonlight shadow.

Nos Craters of the Moon, fun polo vento e vin polo aire
Nos Craters of the Moon, fun polo vento e vin polo aire
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA