O PP acusa a "instrumentalización" da folga en atención primaria e a oposición critica a súa "soberbia"

En Marea e BNG volven pedir o cesamento do conselleiro de Sanidade como "primeiro paso" para solucionar os problemas do Sergas. A protesta coincide con outra outra folga indefinida nos servizos de limpeza de todos os hospitais galegos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O próximo pleno do Parlamento de Galicia terá de novo como tema principal a situación da sanidade pública. Unha sesión que, ademais, coincidirá coa folga convocada en atención primaria para os días 9 e 10 de abril, xornadas nas que o Pazo do Hórreo acollerá o último pleno antes da celebración das eleccións xerais do próximo 28 de abril. Ademais, esa convocatoria, coincidirá con outra de limpeza en todos os centros hospitalarios do país.

Este martes, durante as roldas de prensa posteriores á xunta de portavoces que fixou a orde do día da sesión, os grupos da oposición reclamaron ao Goberno galego que "escoite" os motivos que empuxan aos colectivos sanitarios a convocar unha folga que o Partido Popular respecta, aínda que lamenta que os partidos a usen con motivos políticos.

Así o explicou o viceportavoz parlamentario do PPdeG e secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, que cargou contra PSOE e En Marea por "instrumentalizar" a protesta convocada para a próxima semana nos servizos de atención primaria da sanidade pública galega.

Tras afirmar que na actualidade Galicia dispón "da mellor sanidade" da súa historia, Tellado recoñeceu que o Goberno galego ten que "seguir mellorando" o sistema sanitario a través do "traballo" cos colectivos.

Por iso, despois de que a oposición criticasen as declaracións na Cadea Ser do xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, nas que denunciou motivos "políticos" detrás da folga, Miguel Tellado reclamou aos grupos na Cámara que "non politicen as demandas" e empréguenas "no seu beneficio electoral". "Leccións, ningunha", insistiu o popular, que cre que "non hai que xerar inquietude" aos pacientes galegos, algo do que responsabiliza aos partidos da oposición. "Hai cousas coas que non se debe xogar", aseverou.

OPOSICIÓN

Antes de que Tellado pechase a rolda de intervencións tras a xunta de portavoces, o resto de grupos cargaban contra a actitude "soberbia" da Xunta por tachar de "política" a convocatoria de folga na atención primaria. Para En Marea e o BNG, corrixir a situación "límite" que atravesa a sanidade debería ter como "primeiro paso" a saída de Jesús Vázquez Almuiña como responsable de Sanidade no Goberno galego.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou a Fernández Campa por relacionar a folga coas eleccións xerais que terán lugar a final de mes e lembrou que "non é a única" que se produciu no sector sanitario no último ano e medio.

"Se a Fernández Campa non lle gusta que haxa eleccións terá que buscar noutros países onde non as hai", sinalou o maxistrado en excedencia que, a continuación, apuntou que o xerente do Sergas "pode buscar entre os seus socios en Andalucía que lles gustan os réximes non democráticos", en referencia ao pacto entre PP e Vox na comunidade andaluza.

Para o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, a "situación de deterioración" da sanidade pública é consecuencia de "decisións políticas", como "a redución en case 180 millóns de euros" na última década da cantidade que dedica a Xunta á atención primaria.

"Todo é política, en certo sentido. Son cousas que afectan á cidadanía", subliñou o socialista, que cre que se esta "folga política" ten "un amplo seguimento", o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, terá que "tomar nota". Por último, a deputada do BNG Olalla Rodil ironizou con que Fernández Campa considere a política como "unha cousa mala" cando el mesmo desempeña "un cargo político".

Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.
Protestas de médicos de Atención Primaria en Vigo.

FOLGA NA LIMPEZA

CIG e CC.OO. anunciaron a convocatoria de folga indefinida a partir do día 10 de abril en todos os hospitais das catro provincias galegas. No marco dunha asemblea de delegados, denunciaron que as concesionarias Clece, Grupo Norte, Grupo Faro e Ilunion "néganse a abonar o plus de equiparación salarial" e responsabilizaron ao Sergas de "permitir que se incumpran os acordos conseguidos en 2008, 2009 e ratificados en 2018".

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explicou que neses acordos recoñécese ao persoal dos servizos de limpeza de hospitais do catro provincias "a equiparación salarial co persoal do Sergas que, no seu caso, recoñeceu un plus de carreira profesional".

"Cando en 2007 aprobouse este acordo conseguimos que se trasladase, en 2008, aos traballadores e que se recollese en convenio colectivo", lembrou. A CIG apunta que "se trata dunha cantidade considerable que incrementa o salario a final de mes e que se cobrou a partir dese mesmo ano, excepto en 2009, porque houbo, tamén daquela, algunhas empresas que tentaron non pagar e tiveron que facelo tras conflitos e mobilizacións diversas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta