Cargos da Xunta desvincúlanse da indemnización ao xerente da Fundación Cela

A avogada da entidade apoia a negociación e di que se chegase aos xulgados suporía "un pau de dimensións bíblicas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2019 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén, e o entón secretario xeral técnico de Cultura, hoxe xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, desvincularon a Xunta da decisión de pagar 150.000 euros ao ex-xerente da Fundación Cela, Tomás Cavanna, como indemnización ao seu despedimento, algo que, segundo dixeron, correspondía fixar á entidade, dado que "formalmente, quen pagaba era a Fundación".

Acusar de desfalco na Fundación Cela din que a indemnización era 'legal', '. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Acusar de desfalco na Fundación Cela din que a indemnización era 'legal', '. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Así o explicaron na segunda sesión do xuízo por malversación de fondos que se segue na Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, contra o propio Tomás Cavanna, o exconselleiro Dositeo Rodríguez, patrón da entidade, a súa filla Covadonga Rodríguez, que asumiu o cargo de subdirectora, e a presidenta, Mariña Castaño.

Ante o tribunal, ambos os cargos explicaron que a Fundación non tivo carácter de pública, a pesar de recibir subvencións dos departamentos de Educación e de Cultura, ata abril de 2012, cando esta modificación foi aprobada polo Consello da Xunta.

Por tanto, explicaron, en 2010, "a Xunta non tiña ningunha competencia para autorizar a indemnización" a Tomás Cavanna, algo que "era cuestión da Fundación", dixo Fernández-Campa. Dentro do Plan de Viabilidade derivado da mala situación económica da entidade requiríase "reducir os gastos en persoal", aínda que os altos cargos públicos indicaron que non se facía referencia concreta a ningún nome.

"A decisión de extinguir o contrato de Tomás Cavanna é da Fundación e, formalmente, quen ía pagalo era a Fundación", dixo Fernández-Campa, que lembrou que, despois de que esta tentase conseguir un crédito para este fin —que lle foi denegado—, a Xunta habilitou unha "addenda" ao seu convenio habitual, dotada con algo máis de 200.000 euros, para facer fronte aos gastos do plan de viabilidade, entre os que figuraba esta indemnización.

En todo caso, apoiou a decisión de pactar co afectado un despedimento alegando que, na súa situación, a Fundación "necesitaba ter certezas e non conflitos".

UN "PAU DE DIMENSIÓNS BÍBLICAS"

Na sesión deste martes tamén compareceu a avogada que asesorou á Fundación na negociación deste despedimento e que avalou como "habitual" este procedemento de negociación.

A letrada explicou que se produciu un "erro" de forma na comunicación do despedimento, o que, na súa opinión, levaría a que fose declarado nulo e que a indemnización se "duplicase". A avogada dixo que Tomás Cavanna puxera " sobre a mesa" a posibilidade de ir ao xulgado, unha decisión "suicida" que causaría á Fundación un "pau de dimensións bíblicas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta