A Xunta combatirá os lumes cunha campaña de 1,3 millóns de euros en anuncios en grandes medios de comunicación

O Goberno galego duplicou o diñeiro destinado á publicidade contra os lumes despois da vaga de 2017. En tres anos a Xunta gastará máis de 2 millóns de euros en propaganda.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

1,3 millóns de euros. Esa é a partida millonaria que a Consellería do Medio Rural destinará a propaganda institucional para a “promoción da prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais” en 2019 e 2020. Unhas axudas que chegan nunha nova vaga de lumes que está afectando a Galicia no inicio da primavera e que xa arrasou máis de 2.500 hectáreas.

Por iso, a Xunta de Galicia recorrerá de novo á propaganda como unha das súas principais estratexias contra os incendios forestais. O obxecto do contrato é definir a estratexia de medios e soportes para desenvolver unha campaña publicitaria para previr, sensibilizar e concienciar aos galegos e galegas das consecuencias que se derivan dos incendios forestais. unha campaña, dirixida á cidadanía, de sensibilización e concienciación das accións que provocan os incendios forestais e as súas consecuencias, así como a persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan estes lumes.

A Xunta xustifica esta cantidade millonaria en publicidade en base á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia que recolle que “correspondelle á Xunta desenvolver campañas e accións de educación e información para a sensibilización da cidadanía no relativo ao combate dos incendios forestais e a persecución das actividades delitivas ou neglixentes que causan os incendios forestais e coordinar a execución desas campañas”.

E PARA QUEN SERÁN ESTES CARTOS?

Como vén sendo habitual, a Xunta beneficiará especialmente a prensa tradicional en papel, en claro declive pero á que o Goberno galego segue compensando con subvencións e publicidade. Con todo, ademais de en xornais en papel (prensa xeral e especializada), a campaña distribuirase en cadeas de televisión e radio públicas e privadas e en edicións dixitais de medios de comunicación de Galicia. O contrato comezou este martes, 16 de abril e as accións rematarán o 15 de novembro.

De novo a prensa tradicional levará a maior parte do investimento, entre un 40 e un 55 por cento do total, os medios dixitais entre o 15 e o 30 por cento, radio e televisión levarán entre o 10 e o 25 por cento, e a prensa especializada, entre o cero e o 2 por cento.

INCREMENTO DE PUBLICIDADE TRAS A VAGA DE 2017

A licitación deste ano é o dobre da do pasado ano aínda que, supostamente, abarca dous anos. En 2018, a Xunta destinou 650.000 euros en publicidade para a “prevención” de lumes. Un diñeiro que, ademais aumentou nun 45% con respecto ás campaña contra incendios de Medio Rural durante o 2017.

Ese aumento significativo de de 200.000 euros produciuse pouco despois da terrible vaga de lumes que Galicia sufriu en 2017, con máis de 62.000 hectáreas queimadas. E ese mesmo importe de 650.000 euros anuais é o que a Xunta mantén para este ano 2019 e para o que ven, 2020, o que sumaría os 1,3 millóns orzamentados por este departamento.

Feijóo e o editor de La Voz Santiago Rey
Feijóo e o editor de La Voz Santiago Rey | Fonte: GC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Voz de Galicia pagamos dúas veces ? https://elquiosco.lavozdegalicia.es...