Convocadas 147 prazas de auxiliares de policía local para este verán

Bueu, Cedeira e Ponteareas poderán ter oito, catro e seis, respectivamente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes a convocatoria para a cobertura de 147 prazas de auxiliares de policía local para este verán. A Xunta decidiu, así, aumentar en 38 o número de persoas contratadas para este servizo con respecto ao ano 2018.

Deste xeito, varios concellos como, por exemplo, Bueu, Cedeira e Ponteareas, que non dispuxeron de prazas o ano pasado, si o farán este, con oito, catro e seis, respectivamente.

Noutros casos, a cifra de prazas será incrementada --O Carballiño e Vilagarcía, por exemplo--. En cambio, hai cinco concellos --A Pobra do Caramiñal, Cambados, Rianxo, Sada e Vilanova de Arousa-- que disporán de menos prazas para este verán.

O prazo de presentación das solicitudes é de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. As persoas que queiran ser contratadas deberán presentarse a unha oposición consistente nun test de 50 preguntas, ademais das probas físicas sinaladas na convocatoria. Tamén será necesario presentar o Celga 3 ou, na súa falta, realizar unha proba de coñecementos sobre a lingua galega.

Unha vez superado ese procedemento, as persoas admitidas e as incluídas na lista de reservas terán que superar un curso de formación teórico-práctico na AGASP (Academia Galega de Seguridade Pública), un requisito indispensable para ser contratadas.

Este é o segundo ano no que os concellos --67 nesta ocasión-- delegan na Xunta a selección deste persoal de policía. A esta convocatoria de auxiliares sumarase proximamente un novo proceso de categorías de policía con máis de 120 prazas.

A Policía Local acode a un accidente
A Policía Local acode a un accidente | Fonte: PL Vigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta