A oposición esixe o cese da valedora tras confirmar o TS que enchufou á sobriña de Fraga

En Marea, PSdeG e BNG reclamarán a marcha de Milagros Otero no pleno da Cámara se esta non dimite.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

En Marea, PSdeG e BNG esixiron o cesamento da valedora do Pobo, Milagros Otero, despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso interposto pola institución ao fallo que anulou o nomeamento de María Puy Fraga, sobriña do expresidente Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG, para un posto na defensoría galega, do que foi apartada pola propia defensora tras coñecerse o primeiro fallo xudicial.

Deste xeito, o portavoz de En Marea, Luís Villares, lembrou que a súa formación xa pediu o cesamento da valedora cando transcendeu o asunto e sinalou que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que esperaría a "que a decisión fose firme" para "tomar nota". Ante iso e unha vez coñecido o fallo do Tribunal Supremo, o portavoz de En Marea volveu a reiterar a petición de cesamento. "Queremos que Feijóo cumpra coa súa palabra. Non pode haber nepotismo nas institucións", manifestou Luís Villares.

E é que, preguntado respecto diso durante a súa participación nun acto en Vigo, o maxistrado lucense en excedencia censurou que "a persoa encargada de facer valer os dereitos dos cidadáns ante as administracións sexa a primeira que os vulnera". Por iso, avanzou que, de non producirse a dimisión, En Marea volverá esixir a súa cense no pleno da Cámara.

A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Archivo
A valedora do Pobo, Milagros Otero. VALEDOR DO POBO - Archivo

REACCIÓNS DA CÁMARA

Nesta liña, en declaracións aos medios, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Patricia Vilán, urxiu ao presidente da Xunta que retire á valedora do Pobo ante o fallo que sinala "arbitrariedade" e "desviación de poder" por prepararlle un posto á "irmá do portavoz do PP. A deputada socialista reivindicou o cesamento de Otero "o máis pronto posible" e avanzou que, de non producirse, o PSdeG adoptará "as medidas que considere oportunas" para "velar polo prestixio dunha institución" que "ten que estar por encima dos intereses do PP".

Tamén urxiu o cesamento "inmediato" de Milagros Otero o BNG, cuxa deputada Noa Presas acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de manter unha actitude "nepotista e caciquil" ao favorecer o "enchufismo" dunha persoa vinculada ao PP.  Apuntou ademais a Feijóo como o "principal responsable" na contratación de María Puy Fraga e asegurou que o nomeamento de Milagros Otero é unha consecuencia do "pacto" entre PP e PSOE para repartirse institucións como o Consello de Contas, o Consello da CRTVG ou o propio Valedor do Pobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Honnold

A valedora da Xunta, nunca fixo nada por Galiza nin polos galegos, só traballou polos intereses dos seus xefes. Tiña que ter dimitido por mil causas anteriores, exemplo de parcialidade total. Políticos así son os que lixan a vida dun país. Indecencia máxima. Non dimitirá, traicionaríase se o fai. Hai que botalos!