Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2019 | Actualizada ás 12:33
Os presidentes do catro colexios provinciais de Enfermaría e o presidente da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), nunha reunión mantida cos representantes da Consellería de Sanidade, alcanzaron un acordo de face á implantación do novo modelo de Atención Primaria polo que se creará "unha Dirección de Enfermaría ao mesmo nivel que a Dirección Médica en cada área sanitaria".
Así o informaron as entidades colexiais galegas nun comunicado de prensa, no que explican que o encontro, que pecha un ciclo de reunións previas e no que se analizaron o conxunto de alegacións presentadas polos colexios de Enfermaría ao borrador inicial da Consellería, "tivo como resultado a aceptación por Sanidade da maior parte das propostas suxeridas".
Así, destacaron que "Sanidade aceptou a creación, dentro da estrutura de servizos centrais do Sergas, dunha Subdirección Xeral de Atención Primaria dependente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, ademais da creación dun servizo específico de integración e innovación de coidados".
Este "era un dos puntos máis relevantes", lembraron, das alegacións das enfermeiras galegas "xunto á creación dunha dirección de Atención Primaria en cada área sanitaria, cunha Dirección de Enfermaría ao mesmo nivel que a médica e competencias específicas na xestión e planificación de coidados que tamén foi aceptada pola Consellería", destacaron.
UN MAIOR PROTAGONISMO PARA ENFERMARÍA
O acordo nestes dous puntos permitirá, sostiveron, "que se regule a autonomía da enfermeira" que, "con maior participación e poder de decisión, pasa a ter un papel de maior relevancia e protagonismo dentro das tarefas de xestión e representación da Atención Primaria, ademais de xerar unha estrutura regulada nas que se amparen as funcións propias da enfermaría", abundaron.
"Sanidade asume tamén a maior parte das propostas das enfermeiras", valoraron, para indicar que "se compromete a crear novas prazas para cubrir as necesidades que as novas competencias poidan xerar, tamén para as especialidades de Pediatría e Familiar e Comunitaria", ou, apostilan, "solicitar novamente ante o Ministerio a vía excepcional, entre outras propostas de relevancia para as enfermeiras" dentro do novo modelo de Atención Primaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.