O BNG declárase "insubmiso" á aplicación da instrución que limita o voto a persoas con discapacidade

Ana Pontón advirte que levarán aos xulgados calquera pretensión de anotar os datos de alguén para negarlle o dereito a sufraxio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2019 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou este xoves que a súa formación política vai aplicar a "insubmisión" ante a instrución da xunta electoral central coa que se pretende limitar o dereito a voto das persoas con discapacidade, ao deixar en mans dos membros da mesa a potestade de decidir se unha persoa está capacitada ou non para exercer o seu dereito a sufraxio.

28A.-. BNG
28A.-. BNG | Fonte: Europa Press

"Parécenos inconcibible que a xunta electoral cuestione o exercicio do dereito a voto recolleito pola ONU e de aí o compromiso do BNG a declararse insubmiso á aplicación desta instrución que atenta contra o dereito das persoas con discapacidade", sinalou Pontón, tras un encontro coa dirección da Fundación Down Galicia.

Para os nacionalistas, ningunha persoa dunha mesa electoral "debe estar facultada para decidir quen pode ou non pode votar, porque é unha aberración democrática".

"Non podemos permitir ningún retroceso e o BNG ten un compromiso non só para non anotar a ninguén en ningunha lista, porque o das listas negras remiten a outros tempos, senón que tamén temos ese compromiso de insubmisión", apuntou.

DENUNCIARÁN

Así, explicou que se os nacionalistas ven nalgunha mesa electoral que alguén pretende anotar os datos dalgunha persoa con discapacidade que exerceu o seu dereito a voto, "denunciarán estes feitos ante o xulgado".

"Porque entendemos que o que se está facendo é coaccionar e cuestionar o dereito a voto de persoas que o teñen recoñecido a través da súa presenza no censo electoral", agregou.

Pontón tamén expresou o seu "orgullo" polo feito de que fosen dúas mulleres galegas, a nai dunha nena con síndrome de Down e a súa avogada, as que lograsen nunha "longa loita" modificar a lei electoral española para incluír o dereito a voto das persoas con discapacidade, abrindo as urnas por primeira vez a 100.000 novos electores o 28 de abril.

O BNG tamén pide a rectificación "urxente" da xunta electoral central sobre unha instrución que "ninguén lle pediu" e que "tiña ningunha obriga de facer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Cando á mesa cheguen as monxas carretando velliños, os da mesa deberían pedirlle os datos á monxa... e o mesmo para os taxistas benévolos que agardan na porta do colexio... vai haber moito choio!