"Cómpre tender pontes no BNG máis que nunca"

Nesta entrevista, o alcalde de Teo e membro dos irmandiños chama ao Bloque a recuperar o papel de "casa común da esquerda e do nacionalismo" e fala daquela polémica "dieta de cloro e unto".

Por Walter Burns | Teo | 02/12/2011 | Actualizada ás 03:35

Comparte esta noticia

Unha pregunta moi faciliña para empezar, como fai o Bloque para deixar de perder electores en cada comicio que pasa?

Non sei se existen fórmulas máxicas pero para que iso aconteza o BNG debe recuperar o seu rol de ferramenta útil para o país. Proxectar unha mensaxe que recolla un común denominador no que as diferentes sensibilidades que configuran o Bloque poidan sentirse representadas, entender que o ollar dunha parte do BNG non pode ser o ollar colectivo do BNG, volver a converterse na casa común do nacionalismo e da esquerda e proxectar esa mensaxe ao conxunta dunha sociedade agredida pola oficina de demolición social e identitaria do señor Feijoo. Estou totalmente convencido de que existe unha maioría social agredida que está agardando a que iso se de para volver a confiar maioritariamente no BNG.

E inegábel que o BNG pasa por un momento no que súa imaxe pública está lastrada polas leas internas e os retrocesos electorais. Neste difícil panorama, que mensaxe lanzaría á militancia?

A pesar diso e a pesar dos retrocesos, a cidadanía está a soster esta organización, estalle a dicir que ten que asumir un punto de inflexión pero que é importante para o país. Temos que recuperar unha convivencia de partes, rematar co xogo perverso de maiorías e minorías, asumir a nosa responsabilidade colectiva na toma de decisións e acompañar coa nosa experiencia aos movementos sociais, dinámicos, transformadores e reivindicativos. Rematou o tempo das tutelas coa cidadanía. Cómpre encetar o tempo das sinerxias para transformar a realidade con todos e todas aquelas que queiran facelo.

Revalidar dous deputados pero perdendo case 30.000 votos cando o PSOE se afunde. Nunha escala de o a 10, que valoración lle daría aos resultados do Bloque o 20N?

Cualitativamente, pola importancia de manter a representación en Madrid sen intermediarios, polo feito de que iso permite manter unha organización ao servizo do pobo galego nun momento de avance da dereita e de recortes sociais eu daríalle un 5.

None

E cuantitavamente?

Cuantitativamente os resultados son malos, poderíamos falar dun suspenso, xa que perdemos 26.000 votos sobre o 2008, desapareceron os vasos comunicantes cos desencantados do PSOE e unha parte importante da cidadanía preferiu darlle o voto a forzas políticas sen posibilidade de obter representación (EU,Equo,etc) antes de darlla ao BNG.O problema aquí non foi o punto de chegada. O problema foi o punto do cal partíamos e porque non podemos nesta situación aspirar a ter uns mellores resultados.

"Abrirse a sociedade" e conquistar novos espazos electorais. Estas son dúas das frases que soan unha e outra vez entre os que defenden un cambio de rumbo no Bloque. Pero que significa en realidade "abrirse á sociedade"? Un Bloque máis próximo ao centro? Un Bloque que non use simboloxía marxista?

Eu coido que o discurso formal do BNG nos tempos que corren é correcto, lóxico e natural coa situación de agresión dos nosos dereitos individuais e colectivos. O problema está en que este discurso para amplos sectores activos da cidadanía carece de credibilidade. Son dos que pensan que o BNG non debe facer concesións ideolóxicas para aspirar a representar a unha maioría social de Galiza. Abrirse a sociedade, resintonizar a mensaxe e algo antitético a ensimesmarse. Coido que debemos ser conscientes de que iso debe ser unha das aspiracións. Recuperar credibilidade na reivindicación ética lastrada por determinados casos nos derradeiros anos que nos homologan ao resto das forzas tradicionais, decodificar o discurso para que chegue con claridade  a máis segmentos da sociedade, fuxir das tentacións de patrimonializar os movementos sociais, pelexar cando haxa que pelexa e falar cando toque falar.

Vostede é un dos alcaldes que logrou revalidar o goberno nas eleccións locais. Que conclusións da súa experiencia de goberno nun municipio cre que poden ser aplicábeis a un cambio de rumbo no Bloque?

O noso, o dos compañeiros e compañeiras de Teo, é un dos trinta exemplos que ten o BNG no país de que, sen facer concesións nun proxecto transformador coma este, pódese aspirar a gobernar para unha maioría social ampla.Apostar pola participación cidadán na toma de decisións, corresponsabilizar aos veciños nas conquistas e no público, apostar sen matices por un posicionamento ético e honesto son tan só varios dos moitos motivos que fixeron posible o troco en Teo e un goberno de maioría absoluta despois de catro anos de goberno en minoría.

Algún militante do BNG pode pensar, "por que ten máis valor o que digan os alcaldes que o que opine eu sobre o futuro da fronte". Que lle contestaría?

Contestaría que non ten máis valor o que opine un alcalde do BNG que o que opine calquer militante de base da organización. Se hai militantes de base nas organizacións eses son tamen os alcaldes, como representantes públicos nas trincheiras locais. Outras cousa é a representatividade social que os referentes municipais do BNG poden ter diante da cidadanía.

A UPG sinalou á falta de cohesión interna como un dos factores que puido contribuír á que non se sumaran novos electores nestas xerais. Cre que o manifesto de alcaldes que presentaron no verán tivo unha repercusión negativa nos comicios do 20N?

Coido que moitos están instalados permanentemente no inimigo exterior e que non se decatan de dinámicas que poden ser positivas para o BNG. Algúns sectores da fronte viron nas nosas verbas unha ameaza. Nós o único que intentamos enviar a sociedade foi un berro de esperanza. A maioría da cidadanía coido que así o percibiu. Unha parte importante do BNG tamén.

Ese manifesto encendeu un debate interno no Bloque, que se apagou de portas para fóra en canto ZP convocou o 20N. Con todo, Bautista Álvarez, referente da UPG, publicou un artigo no que cargaba moi duramente contra vostedes. Textualmente dicía que cómpre "máis cloro e menos unto". Como lle sentou aos alcaldes esta declaración?

A maioría dos Alcaldes temos a esperanza de que esas verbas non sexan representativas dun sentir maioritario na organización, aínda que sexan expresadas por un dos referentes do nacionalismo galego contemporáneo como foi e é Bautista Álvarez. Non entenderíamos que a nosa propia organización chegase a conclusión de que aos seus referentes institucionais, que en moitas ocasións dan a cara diante da cidadanía, houbera que ofertarlle unha dieta de cloro e unto, bastante indixesta por certo.

Na próxima Asemblea Nacional farán falta políticos que saiban tender pontes entre as correntes e sexan capaces de transmitir á militancia esperanza e unidade. Ten Martiño Noriega algunha desas cualidades?

Non me gusta falar de min mesmo pero si algo levo facendo dende hai 17 anos no BNG é tendendo pontes. Esta vez iso vai ser máis necesario que nunca e eu alí estarei. Tender pontes non debe confundirse con ser submiso. Debe entenderse coma  un exercicio no cal sistematicamente poste na opinión dos demais sabendo que a túa non é a opinión única.

E Martiño Noriega imaxina algunha vez un futuro político á marxe do Bloque?

Traballo cada día dentro e fóra da organización para que iso non aconteza. Entendo que como proxecto colectivo de case que trinta anos de vida estamos nun momento no que debemos estar a altura da historia e do que agarda de nós a sociedade galega. Desgraciadamente, a miña opinión é unha máis no conxunto da militancia. Do que si estou convencido e que agora é innegociablemente o momento desta. Do conxunto dos homes e mulleres do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 75 comentarios

5 Manuel

Bastante máis coherente qur Aymerich, o que pasa que CArlos ten todo "atado e ben atado", outra cousa é que iso acabe facendo que medio BNG vai para o carallo e a base da súa corrente se desintegre.

4 asi si,bng

MARTIÑO PRÓXIMO PRESIDENTE DA XUNTA!!!UN HOME COMA ESTE SERÍA CAPAZ DE REFLOTAR AO BNG,VESE PROXIMO A CIDADANÍA E QUE SABE O QUE REALMENTE PASA NA RÚA.

1 pxaro

el e mais o alcalde de pontevedra son ,ao meu parecer,os que se van en cabeza poderian gañar as proximas eleccions galegas,animo bng

2 bouzamaior

O mellor candidato é o alcalde de San Sadurniño

3 Xouba

Xouba continúa: Agora, despois de 15 anos de militancia e de toda a vida de "simpatizancia", só vexo como revitalizador da política galega en clave nacional e de esquerda, poñer o punto final ao proxecto BNG, polo menos tal e como está hoxe en día. A cada, faise máis insoportable escoitar a eses-as compañeiros-as e aturar o seu maltrato e o seu sectarismo non xa "moralizante" se non destructivo do mundo alén-U. Supoño que querrán ficar coa "marca" BNG os Upg. Ante isto, na xeografía interna do territorio BNG, un bocado esperanzador de múltima hora sería ver desde xa, hoxe e non mañá, que espabilen os EI e os +GZ, que se deixen de rapazadas e caralladas por supostas diferencias micrométricas, que dean o paso e acorden alianzas e estratexia común dunha vez. Se non, temos toda unha sociedade galega á que procurar e sumar en apoio dun novo proxecto colectivo político que reaxa as sinerxias e a potencia do que un día foi o BNG. Saúde e Terra e Mare

2 Xouba

Sempre fun un firme defensor da unidade de acción do nacionalismo galego, mas, depois do visto e escoitado nos últimos tempos (3-4 anos?) e mesmo onte na asemblea comarcal de Vigo, só fica tomar a decisión de que, canto antes se produza a separación amistosa do BNG, mellor será para a esquerda nacional galega. É triste evidencialo, non hai nada que me/nos una ou nos vecenlla a muitas e muitos no bng co grupo de sacerdotes e monaguillos/as (aiatolas e fieles) repite-consginas e nmantras anti-reflexión da militancia. Si falo dos/as U, e do seu particular enfoque da cousa política e da arquitectura do Bng. Como no Hamlet "xespiriano":; algo cheira a podre, non en Dinamarca, senon no bloque nacionalista galego.

1 Xurelo

Adiante, a ver onde atopas unha organización onde so haxa que facer o que digas ti. Se non che vale votar entre todos, aprobar todo por consenso e integrar a todo o mundo, gustaríame ver a tua idea da "democracia"

2 Xouba

A xirelo, que me cheira quen es e todo... Mira,xa coñezo e coñeces como vos preparades o apoio de muita militancia (non o nego) e tamén as formas (non vou contar o caso de militantes que en determinado momento apoiaban unha nova etapa renovada despois dun compañeiro levar á fronte 30 anos¡¡¡ e que mesmo comentaba, que se non ía el de cabeza, deixaba a oarganización-. UNha serie de militantes/As dixo si, en reunións previas. AO dia seguinte, coa cabeza baixa dixo que non podría apoiar tal, porque falaran con el-ela... Claro, amigo xirelo, controlar o aparato e todos os resortes da organización dá unha grande vantaxe de cara a introducir e acadar o apoio desa militancia nova. Militancia que non se corta en verstir camisola "oficial" de "la roja"... en fin... o importante, é ter números para os cónclaves asemblearios...

1 Desirmandiñador

Moi boa entrevista Sr. Burns, pero porque só conta o dun lado e non entrevista a Guillerme ou a Paco?

1 veleno

Paco dis Francisco Franco??? Xa morreu!!! Guillerme Tell? Eses que tí dis xa os escoitamos e lemos a diario no Terra e Tempo....hehehe! Que vergonza artigos coma o de Bautista faltandolle ao respeto á maioria da militancia!!! E aínda o publican...patético

2 Parrocha

Si, como fan en Terra e Tempo, non si? Sacro espazo da transparencia, imparcialidade e pluralidade.... anda...mira que es pavero,