A Xunta e Abanca renovan o convenio para ceder vivendas de aluguer social a máis de 80 familias

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2019 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas, renovaron o convenio de colaboración para ceder vivendas de aluguer social a máis de 80 familias.

Coa renovación do acordo asinado en 2015, prolóngase por tres anos máis, ata o 2022, a cesión de vivendas da entidade financeira para destinalas ao aluguer social por parte da Administración autonómica. Así, a Xunta permitirá que continúen residindo nas súas vivendas, en réxime de aluguer social, as familias afectadas por execucións hipotecarias.

Así mesmo, o novo convenio establece a posibilidade de cesión de novas vivendas por parte da entidade, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) destinará a atender casos de emerxencia social.

Esta medida é acorde cos fins que establece o programa Realoxo de afectados por execucións hipotecarias, co que se pretende dar unha resposta a aquelas persoas que perdesen a súa vivenda e ofrecer un domicilio alternativo a aqueles que perdesen a súa única casa. Así, facilítase unha inmoble propiedade do IGVS ou inmobles cedidos á Xunta polas entidades financeiras.

BONO DE ALUGUER SOCIAL

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que para aqueles casos que necesitan dun apoio urxente, cóntase co Bono de Aluguer Social. Trátase dunha axuda cun importe máximo de 225 euros mensuais que se concede por un período de 12 meses prorrogables ata un total de tres anos. Ademais, inclúe unha axuda única adicional de 600 euros para facer fronte aos pagos atrasados ou aos gastos de formalización dun novo contrato.

A Xunta e Abanca renovan o convenio para ceder vivendas de aluguer social a. XUNTA DE GALICIA
A Xunta e Abanca renovan o convenio para ceder vivendas de aluguer social a. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta