As doenzas dos concellos galegos: o desleixo incesante

“Tudo que se passa no onde vivemos é em nós que se passa. Tudo que cessa no que vemos é em nós que cessa. Tudo que foi, se o vimos quando era, é de nós que foi tirado quando se partiu.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 05/04/2019

Comparte esta noticia
Canda a Gran Recesión de 2008, causada e azacotada polos patróns do sistema para darlle máis soltura ao neoliberalismo insaciábel, naceu un incesante desleixo dos alcaldes galegos por todo aquilo que afecta directamente á miola dos dereitos esenciais da cidadanía, e todo se foi envolvendo nunha pegañenta nebulosa que, pouco a pouco, vai eclipsando a propia razón de ser dos concellos.
 
O sistema económico encargado de engraxar o sector público, que ata entón tratou de aturar unha certa convivencia, aparentemente pacífica, entre os negocios do capitalismo e o Estado de Benestar, mudouse definitivamente cara o bando do poder, para arredar ata os cadabullos a solvencia, a credibilidade e o propio financiamento dos servizos públicos básicos, coa calculada intención de facelos podrecer, para que as artimañas do sector privado convertan en negocio as necesidades vitais da xente do común. 
 
Antes do 2008 había consenso en chamarlle xestión pública á eficiencia, á mellor atención dos servizos, á prestación universal dos mesmos, á procura da excelencia. E, todo iso esixía –e era admitido pola gran maioría– que os recursos económicos públicos debían considerarse como un todo, á hora de sufragar os custos dos servizos públicos que merecía gozar a veciñanza. 
 
Dende entón, moito mudaran as tornas. Hoxe xa case todo o mundo –progresía con pedigree incluída– lle chama xestión ao aforro, á redución da débeda, á sostibilidade económico-financeira, ao superávit orzamentario, e mesmo esa parvada de non poder gastar o previamente aforrado, que Montoro bautizou co epíteto de “regra de gasto”. Ah! O meu tío Lisardo sabe ben que esta situación é irreversíbel, porque todo está protexido por unha coroza lexislativa, que lle obriga aos concellos a abdicar das súas obrigas diante da cidadanía, mentres esta observa –e paga– impasíbel o custo total de cada un dos servizos básicos, cuxa xestión vai indo discretamente cara as fauces da iniciativa privada, para que os explote como outro negocio calquera. 

O alcalde de Cortegada na aldea abandonada de A Barca
O alcalde de Cortegada na aldea abandonada de A Barca
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Secretario-interventor de Administración Local xubilado. Foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da FEGAMP (Fedreación Galega de Municipios e Provincias) e Delegado da Consellería de Industria de Ourense no goberno do bipartito. Militou no BNG e en CxG. Hoxe en día non ten afiliación política. Na actualidade dedícase á actividades culturais, especialmente a través do Museo da Limia, no que desempeña o posto de Coordinador do seu Padroado.