Finalizan as obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro

As obras, que comezaron hai un ano, permitiron desmontar dez torres de alta tensión e 1.525 metros de liña aérea que cruzaban a zona urbana de Monte Porreiro.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 05/04/2019 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O delegado de UFD-Grupo Naturgy en Galicia, Xullo Gonzalo, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciaron este venres a finalización das obras de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro, unha "demanda histórica" dos veciños deste barrio de Pontevedra.

As obras, que se iniciaron hai un ano, permitiron desmontar dez torres de alta tensión (cunha altura media entre 15 e 20 metros) e 1.525 metros de liña aérea que cruzaban a zona urbana de Monte Porreiro.

UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investiu 1,5 millóns de euros para soterrar esta liña de dobre circuíto 66kV Tibo Mourente, que vai desde a subestación de Mourente ao río Lérez. Os traballos permitiron a realización da canalización subterránea de aproximadamente 2.000 metros, dos cales 634 foron executados polo Concello de Pontevedra en virtude dun convenio de colaboración entre a Consellería de Economía, UFD e o goberno local.

O responsable de UFD en Galicia, Julio Gonzalo explicou que "este proxecto supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas e permitirá, ademais, que os veciños recuperen a servidume das súas propiedades". Pola súa banda, José Manuel Cores Tourís agradeceu a implicación de UFD con este proxecto e, en concreto, co barrio de Monte Porreiro e destacou que, "co remate desta obra civil, dáse cumprimento ao compromiso adquirido cos veciños desta contorna desde a Administración pública".

Na visita, tamén estiveron presentes o delegado da compañía na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos, o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e o concelleiro Alberto Oubiña.

Estación eléctrica con liñas de alta tensión
Estación eléctrica con liñas de alta tensión | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta