O novo secretario xeral de Infraestruturas compromete "diálogo" coa Xunta sobre o traspaso da AP-9

Julián López Milla di que a situación da AP-68 "non é igual" á AP-9, xa que antes "habería que ver se se pode sacar" a vía galega da rede xeral.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2019 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O novo secretario xeral de Infraestruturas, Julián López Milla, compromete "diálogo" coa Xunta na procura dun futuro traspaso da AP-9 a titularidade autonómica. López Milla explica que primeiro "habería que ver se se pode sacar a AP-9 da Rede de Interese Xeral do Estado", xa que "non está aí por capricho, senón porque reúne unha serie de requisitos para a mobilidade do noroeste de España".

Así se expresou despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, denunciase "discriminación" a Galicia e á AP-9 por parte do Estado, ao impulsar a transferencia da AP-68 ao Executivo vasco tras o apoio do PNV e EH Bildu aos decretos aprobados na Deputación Permanente do Congreso.

Respecto diso, o secretario xeral de Infraestruturas defende que a situación da AP-68 "non é igual" á AP-9. Explica que o Estatuto do País Vasco recolle que "ten capacidade para xestionar calquera estrada que pase polo seu territorio", "sexan de interese xeral ou non", mentres que Galicia "réxese por un artigo da Constitución española que limita a súa competencia a estradas que sexan intrautonómicas e non pertenzan á rede de interese xeral", con todo a Autoestrada do Atlántico "ten unha continuidade cara a Portugal", polo que "é moi importante".

"Poderíase mesmo ver se nun futuro se poden deseñar as infraestruturas viarias doutra maneira e sacala da rede xeral", opina, "pero mentres estea na xeral a Xunta non a pode xestionar". Cre que para iso "se cadra hai que facer algunha actuación viaria que dea sentido a iso", polo que "non é inmediato". "Se cadra podíase facer de 2012 a 2018 e agora sería moito fácil", recrimina ao anterior Goberno do PP, pois "se deixou pasar moito tempo".

O ACTUAL GOBERNO "DESBLOQUEOU" O DEBATE

De tal modo, Julián López Mella indica que no caso da AP-9 "non se pode transferir a súa titularidade e a súa xestión a un goberno autonómico sen máis, como é o caso da AP-68". No tocante a que se recorra a unha comisión mixta entre Estado e País Vasco para rubricar a transferencia, mentres a vía galega seguise un trámite parlamentario que queda no aire pola disolución do Congreso, o responsable estatal de Infraestruturas defende que no caso da AP-9 "ese debate non é tan sinxelo como chegar a un acordo e levalo a unha comisión bilateral".

"O actual Goberno non se opón a abrir ese debate (...) agora ben, tense que producir tendo en conta que a situación do País Vasco e a AP-68 non é igual que Galicia e a AP-9", deixa claro. De feito, reflexiona sobre que "se mañá o goberno decidise ceder a AP-9 á Xunta de Galicia é que non podería, porque esa estrada pertence á Rede Xeral do Estado e a Xunta non ten competencia nin capacidade legal para facerse coa titularidade e a xestión da autoestrada".

Nesta liña, pon o foco sobre que a proposición de lei para a transferencia foi "bloqueada polo anterior goberno do PP durante anos" e "é o actual" o que a "desbloqueou". Xunto a isto, resalta que o Executivo socialista "demostrou que abriu o diálogo bilateral con todas as comunidades autónomas". Ademais, lembra que "a tramitación desta proposición dependeu da Mesa do Congreso, que tiña unha maioría PP e Cidadáns e que presidía Ana Pastor", "de feito no último pleno do Congreso podíase someter a votación esta proposición de lei", sentencia o secretario xeral de Infraestruturas.

Atasco na Ap9
Atasco na Ap9 | Fonte: twitter

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta