A 'kinkidelia' de Derby Motoreta's Burrito Kachimba triunfa no cuarto Melona Fest

Na sala Malatesta de Santiago tamén destacaron a voz e a clase de Soledad Vélez e a intensidade sen respiro de Pantis.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2019 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

A psicodelia kinki de Derby Motoreta's Burrito Kachimba (o que eles mesmos bautizaron como 'kinkidelia') triunfou na noite do sábado no peche do cuarto Melona Fest, na sala Malatesta de Santiago, onde tamén destacaron a voz e a clase de Soledad Vélez e a intensidade sen respiro de Pantis.

A 'kinkidelia' de Derby Motoreta's Burrito Kachimba triunfa no cuarto Melona
A 'kinkidelia' de Derby Motoreta's Burrito Kachimba triunfa no cuarto Melona | Fonte: Europa Press

Con Derby Motoreta's Burrito Kachimba, de primeiras, un non pode deixar de pensar en Triana, referencia inevitable na revisión do rock andaluz que fan estes rapaces de Sevilla en pleno 2019. Pero tamén están moi presentes King Gizzard & The Lizard Wizard e ata soan ecos do Bohemian Rhapsody de Queen. Mesmo acaban por convencer ao persoal de que son unha verdadeira banda de metal. Non son novos nisto, todos eles veñen doutras bandas, o cal se nota nun son moi engrasado.

Con esa mestura de estilos como esencia, unha posta en escena baseada no desmelene e ese nome tan complicado, Derby Motoreta's Burrito Kachimba empezan a ocupar boa parte dos carteis dos festivais do país.

E é que se o seu disco de debut, con temas como O salto do xitano e A pedra de Sharon, xa apuntaba maneiras, nada que ver co seu directo, liderado polo carisma do seu cantante, Dandy Piranha (así se fai chamar), dirixindo o cotarro desde o manillar dunha bici instalado no pé do micrófono.

Antes que eles tocaron na antiga sala Nasa de Compostela Soledad Vélez e Pantis. O público foise deixando caer ata San Lourenzo desde o centro histórico da cidade, onde A Melona organizara outros tantos concertos gratuítos para a tarde do último día do seu festival, unha mostra de que autoxestión cultural e calidade poden ir da man.

A chilena afincada en Valencia tivo que caldear un auditorio que aínda non se encheu, e fíxoo desde o minuto uno, a golpe de sintetizador e palabras bonitas, pero tamén reivindicativas. Viña de Ourense, da ICC Week, "xa quente", segundo confesou nunha fría noite na que tamén se declarou namorada de Galicia: "No meu corazón always".

Unha única pega ao seu concerto pode ser o momento no que se aplicou o autotune, que sobre a súa personalísima voz resulta pecado. Soledad repasou boa parte do seu disco Nuevas épocas, marcouse uns bailes de diva e deixou, fóra tópicos, ganas de moito máis. Estará na Ribeira Sacra este verán, sen ir máis lonxe.

A continuación Rubén Domínguez demostrou por que San Vicente non está tan lonxe de Berlín, dobrado sobre os teclados e cuspindo sobre o micrófono versos posmodernos que convidan á reflexión desde a furia. Ritmo elevadísimo ata o último momento.

Aínda despois de Derby Motoreta's subíronse outros andaluces ao escenario, Pony Bravo, que seguen tirando da súa fórmula verbenera, non con poucos adeptos. La Malatesta xa estaba ata arriba e o público a lume de biqueira para seguir con Akkan e a sesión DJ na discoteca Ruta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta