Irene Montero chama na Coruña a "levantar a voz" nestas eleccións fronte ás "cloacas do Estado"

A candidata ao Congreso de Unidas Podemos por Madrid e 'número dous' de Podemos asegura que o seu partido está "máis preto que nunca de gobernar".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/04/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A candidata ao Congreso de Unidas Podemos por Madrid e 'número dous' de Podemos, Irene Montero, chamou aos simpatizantes e votantes desta confluencia a "levantar a voz" para mobilizar o voto nestas eleccións xerais fronte ás "cloacas do Estado" e un "feudalismo moderno", dixo sobre o actual sistema económico.

28A.(AV).-Irene Montero Chama A 'Levantar A Voz' Nestas Eleccións FRONTE A L. EN COMÚN UNIDAS PODEMOS
28A.(AV).-Irene Montero Chama A 'Levantar A Voz' Nestas Eleccións FRONTE A L. EN COMÚN UNIDAS PODEMOS | Fonte: Europa Press

Nun acto na Coruña ante máis de medio milleiro de persoas, xunto a candidatas e candidatos de En Común-Unidas Podemos, reivindicou esta candidatura como a única capaz de "facer o que este país necesita".

"Estamos máis preto que nunca de gobernar, que llo pregunten a Rajoy, ás cloacas do Estado por que puxeron a maquinaria sucia a funcionar", expuxo nun acto no que, xunto aos demais candidatos, foi recibida con berros de 'Si se pode'.

Na súa intervención, admitiu, no entanto, que chegan a estas eleccións nunha "situación difícil" por "non cumprir" con todas as "expectativas" depositadas neles. "Prometemos ir moi rápido e non eramos conscientes de que non imos poder facer as cousas como queremos e que teremos que pactar con outros que non as queren igual", engadiu sobre as medidas que propón Unidas Podemos.

No seu discurso, alertou tamén contra aqueles que queren aos que apoian a formación morada "coa cabeza agachada". Por iso, apelou a "levantar a voz, a retomar a palabra" e a falar de "emprego, de pensións".

Así, dixo que nestas eleccións "toca falar da verdade" Tamén incidiu na importancia das mesmas para optar por un goberno que asuma "os retos fundamentais", entre os que citou o feminismo, a industrialización, a igualdade, o cambio climático, ou "seguir como estamos ou ir a peor".

"É necesario recuperar a tranquilidade, o control dos sectores estratéxicos, da economía e decidir cal é o noso modo de vida". "É necesario unha lei que reverta as reformas laborais", engadiu Montero, quen criticou a política de PP e Ciudadanos en materia económica.

"Segundo o PP e Ciudadanos, íase a afundir a economía", aseverou sobre a suba do salario mínimo e a actualización das pensións. "E levamos xa uns meses coas pensións actualizadas e o salario mínimo en 900 euros e non se afundiu nada", recalcou.

"ESTRUTURA PARAPOLICIAL"

Montero arremeteu tamén contra as "cloacas do Estado", en alusión ao 'caso Villarejo'. "Para eles, a democracia é que gañen sempre eles, son capaces de crear unha estrutura parapolicial, comprar pseudoperiodistas que difunden esas noticias, e agora rebélase que era todo mentira", apuntou sobre as informacións difundidas no pasado sobre Podemos.

"Pero nin un só dono de comunicación vai abrir un faladoiro ou diario dicindo 'mentimos, equivocámonos'", lamentou. Fronte a isto, defendeu o traballo feito polos deputados de Unidas Podemos no Congreso.

"FEUDALISMO MODERNO"

Por outra banda, Montero criticou políticas que levan, segundo manifestou, á precariedade no sistema sanitario público, lembrando o labor e as condicións laborais das neonatólogas que coidaron os seus fillos prematuros, ou na poboación nova, ao que sumou a situación das pensións, en referencia ás mobilizacións dos pensionistas.

"En que melloramos?", preguntouse sobre as políticas de recortes tras a crise económica. Por iso, afirmou que o actual sistema económico, que definiu como un "feudalismo moderno", é "incompatible coa vida".

Montero criticou o aumento a "niveis brutais" do mercado de luxo e da concentración da riqueza. "Para que unha minoría gañe de forma desorbitada, a maioría social está condenada a un sistema económico, social e político que permite como moito vivir ou malvivir".

Neste contexto, reivindicou o feminismo como "punta de lanza para democratizar este país" e alertou de non caer nestes comicios "en debates artificiais".

Por outra banda, fixo unha referencia explícita á situación de empresas do sector enerxético como Alcoa e Ferroatlántica, tras a reunión con empresas deste sector e de Poligal e Isowat, antes do inicio do acto.

"Dixéronnos que o privado xestiona mellor, e que fixeron esas empresas?, subir a luz, ter un cálculo da luz opaco; sen control político porque están compinchados con ese poder das grandes eléctricas".

"Gastámonos 80.000 millóns, 15 anos de educación, diñeiro regalado ás construtoras privatizando o que é público", expuxo sobre as concesións das autoestradas. "Hai xestores, con perdón, de merda", engadiu apelando ás políticas en Alemaña e en Francia en relación a sectores "estratéxicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

2 Guillerme Gintonic

Paracaidistas que veñen a facerlle a campaña a Toné e a Yolanda Díaz

1 Per

Pois isto son cloaquiñas. http://xosezapata.weebly.com/blog/p...

1 A come-lo caldo

Pavoroso documento que todo aquel que presuma de estar ben informado debe ler.