O benestar dos políticos

A boa saúde do sistema depende tamén da dos cargos electos.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 09/04/2019

Comparte esta noticia
Nun tempo de populismo antielitista un titular coma o anterior pode semellar un intento pobre de destacar no océano de opiniólogos na ditadura do “clickbait”, mais non deixa de ser un problema. Nos últimos meses e semanas os líderes do pentapartito estatal fixeron á súa propia imaxe e semellanza as listas para as próximas eleccións. Pode explicarse pola novidade e xuventude dos novos líderes, a incerteza dunhas convocatorias que en menos dun mes se van a dar xuntas todas as citas electorais posibles (nacionalidades históricas aparte)  e que precisan que o líder se federe cun grupo sólido para tentar a novidade dunhas negociacións de coalición á escandinava ou para sobrevivir no desgaste maior, que é o de non ter poder na oposición. 
 
No fondo, sen embargo, o que está a pasar no contexto español xa é de longa data noutros países de occidente onde os partidos, pasada xa a época dos grandes bloques ideolóxicos e as maquinarias electorais, deixan de ser organismos estructurantes da opinión pública e de ser mediador entre a area pública e o individuo apenas son agora mecanismos de apoio a un líder que se comunica directamente coa poboación. Consecuentemente morto o rei, mortos os palmeiros que o acompañaban.
 
Se nos primeiros trinta anos de democracia a xeración fundacional estivo repetindo case as mesmas caras, a última década postcrise e de crise de confianza no sistema levouse por diante varias xeracións de políticos (por exemplo, en Murcia sucedéronse tres xeracións de Presidentes en tres anos) e mesmo a un monarca ata hai pouco incuestionable.  Á marxe daqueles triturados polos escándalos e a presión dunha actividade cada vez máis ingrata, hai moitos que sen querelo ou merecelo se están atopando na rúa polo azar de ser aliado, ou simplemente percibido como tal, daquel que perdeu a guerra civil interna. Se ben grazas ao abaratamento dos medios de comunicación algúns poden reciclarse fundando ou sumándose a partidos novos as desfeitas intrapartidarias están a levarse por diante moitos dos chamados “profesionais da política”. Logo de dar a cara polo partido e dos sacrificios persoais, moitas veces desde idades moi temperás, mesmo antes de cumprir a maioría, algún que nunca tivo outra vida que a política e tempo para opositar (auténtica balsa de  náufragos da xeración anterior) atópase con pouco máis de corenta anos sen ter traballado antes ou en nada que non fora o mundo da política.
 
Por suposto na visión idealista da Cousa Pública, os cidadáns metidos a representantes do pobo deben ser todos coma Cincinato, aquel granxeiro que se meteu a xeneral para salvar a República Romana e que rematado o perigo voltou ao coidado do seus campos. Se sempre foi unha comparación ilusoria resulta agora totalmente irrealista. Poucas actividades existen hoxendía na que se poida ter éxito sendo un simple amateur, e na política tampouco sexa esa a do medio ambiente, a da xustiza, seguridade social, saúde ou Europa.  O cal non quere dicir que os mellores decisores políticos sexan aqueles que desde adolescentes non coñecen outra cousa que as leas de partido, o parqué parlamentario ou a moqueta do ministerio. Sexa coma for, non é unha actividade a tempo parcial.
 
Por suposto hai formas de limitar o que os italianos chaman a poltrona da política. Unha delas é a limitación de mandatos (oito anos de concelleiro, oito de alcalde, oito de deputado, oito de ministro ou conselleiro e oito de presidente é unha vida laboral completa). Na maioría de países de Europa o cambio de eleccións só leva a que ministros e coma moito viceministros sexan cambiados; o resto, sexan directores de ministerio, xerentes de axencias e autoridades son de carreira. Unha maior separación entre a decisión política e a xestión pública reduce a venalidade política (“Organizando el Leviatan”, Dahlstrom e Lapuente, 2018) e remata co mito do político/alcalde/deputado conseguidor e co do “goberno amigo”.  Tamén leva a que non sexan necesarios tantos dos chamados políticos profesionais e que dada a escaseza de postos de libre designación os aspirantes a cargos electos conciban o paso pola política coma unha actividade temporal, polo que lles compensa estudar-opositar ou ter unha carreira previa á que poder voltar logo.
 
Aínda así sempre van ser necesarios un número relativamente importante de cadros para os partidos. Emporiso os partidos non poden ser concibidos só coma entidades privadas (malia contaren con rango constitucional).  Non son clubes de amigos senón instrumentos básicos da vida político-institucional. Por iso debe esixírselles, amais de maior transparencia (as súas contas, por exemplo, deberían ser xestionadas pola Tesourería Xeral do Estado, coma as dun ministerio ou axencia) que tamén se ocupen dos cadros que recrutan: ben sexa esixíndolles que teñan unha experiencia previa (académica, profesional, sindicalista, etc.) ben facilitando a súa formación, máis alá cás actuais escolas de verán ou similares. As universidades, escolas de administración pública deberían ter programas de formación continua para os cadros partidarios.
 
Se ben  hoxendía falar de portas xiratorias é algo moi impopular, facilitar a reinserción do ex-electo fóra da política semella necesario, non só polo seu benestar senón coma prevención de comportamentos corruptos. Non todos son Avogados do Estado aos que fichan bufetes de renome logo de seren rexeitados polos partidos. Moitos atópanse cunha man diante e outra detrás. Se ben iso en non poucos casos pode ser merecido resulta tamén un malgasto de recursos públicos que todo o capital de coñecementos e relacional simplemente desapareza.
 
Se ben o “Brexit” amosa o parroquialismo abafante dun sistema político onde a maioría dos deputados teñen de facto postos de por vida polo que o mundo exterior ás intrigas do parlamento non existe (ata o punto que nestes días están a pretender redefinir unilateralmente o Dereito Comunitario, o Internacional Público e o do Comercio Internacional) pretender que os cadros dos partidos sexan maioritariamente xoves profesionais é tamén pouco xudicioso: ver o caso dos deputados de La République en Marche, brillantes individualidades e colectivamente palmeiros do iluminado Presidente Macron.  Por non falar de casos coma a Xunta de Feijóo onde o funcionariado cooptou practicamente a política autonómica, unha tecnocracia que non se desempeña mellor ca un goberno de principiantes, como amosa a crise da sanidade.  Non hai modelo perfecto pero iso non é escusa para obviar o factor humano daquel que se mete en política.

Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais
Papeletas electorais para a votación nas eleccións xerais | Fonte: teinteresa.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos