Temas: FOLGA SOGAMA CIG

Covocan folga indefinida no transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama

Traballadores denuncian "precarización" das condicións laborais e o despedimento de oito empregados. O paro está convocado a partir do 15 de abril.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2019 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

Os traballadores do servizo de transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama comezarán folga indefinida a partir do 15 de abril ante a "precarización" das condicións laborais. Representantes do comité de folga de Transportes Pacholo S.L., empresa que se encarga do transporte deste tipo de residuos (domésticos e urbanos), rexistraron a convocatoria para esa folga indefinida tras unha asemblea con 60 votos a favor e ningún en contra, segundo informa a CIG nun comunicado.

Planta de Sogama en Cerceda (A Coruña)
Planta de Sogama en Cerceda (A Coruña) | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

O sindicato censura que Transportes Pacholo despediu a oito traballadores en resposta ás denuncias de acoso laboral que os empregados realizaron durante meses.Con todo, a CIG sostén que "esta non é unha decisión de Transportes Pacholo", senón que "os culpables están máis arriba".

Sinala en concreto "a Copasa, Sogama e ao propio Partido Popular, que foi quen deseñou o un modelo de subcontratas que precariza as condicións laborais á conta dun peor servizo para repartirse os beneficios".Previamente á folga, este martes, 9 de abril, os traballadores concentraranse no quilómetro 27 da N-550, entre Ordes e Cerceda (A Coruña).

PRESIÓNS AO PERSOAL

Sobre este extremo, o sindicato explica que fai tres anos Sogama entregou a concesión de transporte de colectores de residuos sólidos urbanos a unha UTE conformada por Copasa --"a empresa galega que, segundo os papeis de Bárcenas, máis achegou ao financiamento ilegal do PP", censura a CIG--, Renfe e Logirail, "no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura de Núñez Feijóo, con 140 millóns de euros".Tras iso, "desde o primeiro día", esta UTE subcontratou o servizo a unha empresa do Carballiño (Ourense), Transportes Pacholo, sen experiencia no sector do transporte de residuos sólidos urbanos e que se atopaba en concurso de acredores, apunta a CIG.

A continuación, indica que esta operación "incluíu tamén a firma dun convenio propio, un mes antes de coller as concesións, que rebaixaba os salarios existentes no transporte de Sogama nun 40 por cento". "Non contento con iso, desde o primeiro día exerceuse presión aos traballadores para que incumprisen normas de tráfico, horarios e tamén as normas máis básicas de seguridade e saúde no traballo co obxectivo de desregular por completo as relacións laborais e abaratar así o custo do servizo", asegura.

A isto engade a CIG que nos últimos meses os traballadores procedentes da anterior contrata conseguiron mellorar as súas condicións laborais a través dun laudo arbitral que ditaminou a existencia de subrogación. "A partir dese momento o empeño da empresa foi dividir a este colectivo de todos os demais traballadores que foron contratados directamente por Transportes Pacholo e no marco da denuncia desta situación, como escarmento, prodúcense agora oito despedimentos", lamenta.

Temas: FOLGA SOGAMA CIG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta