Galicia pesa cada vez menos nas eleccións xerais, con 3.306 votantes menos que hai tres anos

Case 2,7 millóns de galegos e galegas poderán exercer o seu dereito ao voto. Máis de 58.000 mozos poderán facelo por primeira vez, igual que unhas 5.000 persoas con diversidade funcional

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/04/2019 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

Case 2,7 millóns de galegos e galegas están chamados a exercer o seu dereito ao voto nas eleccións do 28 de abril, un total de 3.306 persoas menos que en 2016, segundo os datos facilitados polo delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.

En rolda de prensa, para informar da loxística que se despregará ese día, Losada explicou que, do total de electores, 58.093 son novos que poderán votar por primeira vez tras cumprir 18 anos.
Deles, uns 24.000 corresponden á provincia da Coruña; máis de 22.000 á de Pontevedra e o resto distribúense entre Lugo e Ourense, con máis de 6.000 na primeira e case roldando esta cifra na segunda.

Mentres, un total de 6.915 axentes --3.904 da Garda Civil, 2.039 da Policía Nacional, 831 da Local e 141 da Policía Autónomica-- encargaranse de velar pola seguridade nunha xornada na que en Galicia haberá 3.956 mesas electorais distribuídas en 2.416 locais de votación. Neles, instalaranse case 8.000 urnas e ao redor de 4.000 cabinas.

DEPUTADOS E SENADORES

Losada precisou que o 28 de abril son, en total, 2.698.525 as persoas que están chamadas a votar, das que son residentes en Galicia 2.240.616 e 457.909, no exterior.

Cos seus votos, elixirán a un total de 23 deputados e deputadas: 8 na Coruña, 7 en Pontevedra, 4 en Lugo e 4 en Ourense. Tamén elixirán a 16 senadores: 4 por provincia, á marxe dos senadores elixidos por designación autonómica. En total proclamáronse 49 candidaturas ao Congreso e 47, ao Senado.

Excepto en Ourense, con 13 candidaturas ao Congreso, no resto das provincias galegas elixirase entre 12 candidaturas. Polo contratio, para o Senado serán 12 candidaturas nas provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra fronte ás 11 da Coruña.

En total, imprimíronse 27 millóns de papeletas para o Congreso e 2,4 millóns de papeletas para o Senado. Mentres, as mesas electorais estarán atendidas por 11.868 membros, que foron xa seleccionados, e por 2.622 representantes da Administración. Estes últimos encargaranse de verificar a correcta apertura das mesas, resolver incidencias e recoller os datos do reconto de voto.

PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL

O delegado do Goberno destacou o feito de que, por primeira vez, as persoas con diversidade funcional poidan exercer o dereito ao voto, tras a entrada en vigor da reforma da Lei de Réxime Electoral. E é que, a través desta modificación, suprimiuse o artigo que privaba a este colectivo do dereito fundamental de participación nas decisións políticas. En Galicia, serán case 5.000 persoas as que poderán votar.

Respecto das persoas con discapacidade visual, o delegado do Goberno sinalou que estas eleccións se recibiron 33 solicitudes en toda Galicia para usar os kits de accesibilidade que permiten a estas persoas exercer o seu voto.

Por outra banda, lembrou que ata o 18 de abril poderase solicitar o voto por correo, mentres que finalizou o prazo para os residentes ausentes.

28A.-Case 2,7 Millóns De Galegos E Galegas Poderán Exercer O seu Dereito Ao Voto,. DELEGACIÓN DO GOBERNO
28A.-Case 2,7 Millóns De Galegos E Galegas Poderán Exercer O seu Dereito Ao Voto,. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta