Mamás aos 30 e aos 40

Galicia é o lugar de España onde menos mulleres novas teñen fillos. Case o 70% das mulleres galegas desexan ter dous ou máis fillos, pero a media queda en 1,4.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

Galicia é a Comunidade autónoma española con maior índice de mulleres menores de 30 anos que non teñen fillos, o 93,5%, unha situación na que tamén se atopan o 48,7% das galegas entre 20 e 34 anos, o 38,2% das que teñen entre 35 e 39 anos e o 21,7% das maiores de 40 anos.

Así o reflicte a Enquisa de Fecundidade feita pública este martes polo Instituto Nacional de Estatística con datos de 2018 e que sitúa a Galicia como a rexión na que menos mulleres novas teñen fillos. A cifra, a nivel nacional, é do 88,1%.

As menores de 30 anos con fillos en Galicia supoñen só o 6,5% da poboación --o 11,9% de media a nivel estatal-- e este grupo de idade ten na comunidade unha media de 0,10 fillos por muller. No grupo de idade máis elevado da enquisa, o das mulleres maiores de 40 anos, o 21,7% non teñen descendencia e o número medio de fillos sitúase en 1,4, por baixo dos 1,55 de media nacional.

O 70% DESEXA DOUS OU MÁIS FILLOS

En contraposición con estes datos, case o 70% das mulleres galegas desexa ter dous ou máis fillos. En concreto, as menores de 40 anos desexan ter unha media de 1,69 fillos e as maiores de 40 anos desexan 1,86.

Máis en concreto, o 67% das menores de 40 anos desexan dous ou máis fillos, mentres que só o 19,4% non desexa ter descendencia. No caso das maiores, é o 12% o que non quere ter fillos e o 69,2% o que desexa dous ou máis fillos.

Entre as mulleres galegas que tiveron menos fillos dos desexados saen a relucir os problemas de conciliación e de índole económica. Así, o 26,56% atribúe esta circunstancia a razóns laborais ou de conciliación da vida familiar e laboral, mentres que o 21,05% achácao a razóns económicas.

No caso das mulleres que non tiveron aínda fillos, o 21,20% afirma sentirse aínda demasiado novo, mentres que o 16,2 declara non querer ser nai, o 14,76% apunta a razóns de parella e o 12,94% a temas laborais ou de conciliación.

O 20% das mulleres galegas reclaman do estado o aumento da duración dos permisos de maternidade e paternidade como incentivo á natalidade, mentres que o 13,93% solicita flexibilidade nos horarios de traballo, o 9,23% unha asignación en función da renda no nacemento de cada neno e o 8,68 unha asignación para nais e pais que deixen de traballar. O 13,8% considera que a natalidade non debe ser incentivada.

DATOS NACIONAIS

A nivel nacional, case o 80% de mulleres de 25 a 29 anos e máis do 95% de homes menores de 30 non teñen fillos, segundo os resultados definitivos da Enquisa de Fecundidade do INE.

Así, case oito de cada 10 mulleres de 25 a 29 anos (o 79,2%) aínda non tivo fillos, unha porcentaxe que se eleva ao 88,1% para todas as mulleres de entre 18 e 30 anos. Pola súa banda, máis da metade das mulleres de 30 a 34 anos (o 52,0%) non tivo aínda fillos. A porcentaxe de mulleres que aínda non foi nai redúcese ao 27,8% nas que teñen de 35 a 39 anos e ao 19,0% nas de 40 anos e máis.

No caso dos homes, o 95,1% dos homes menores de 30 anos aínda non foi pai mentres que a porcentaxe de homes que teñen só un fillo sitúase en torno ao 20%, tanto para os de 30 a 34 anos como para os de 40 anos e máis, e alcanza o seu máximo (24,4%) para os de 35 a 39 anos.

Como ocorre coas mulleres, a maioría dos homes menores de 40 anos teñen un fillo ou ningún. Pola súa banda, o número de homes que teñen dous e máis fillos aumenta coa idade, situándose no 54,3% nos homes de 45 e máis anos.

Doutra banda, a enquisa reflicte que o 42% das mulleres residentes en España de idades comprendidas entre 18 e 55 anos tivo o seu primeiro fillo máis tarde do que consideraban ideal, un atraso que, de media, ascende a 5,2 anos.

En canto aos motivos que alegan para o atraso da súa maternidade, a suma das razóns laborais, de conciliación da vida familiar e laboral e as económicas superan o 30% nas mulleres de todas as idades e chegan a exceder o 36% para as de 35 a 39 anos e para as de 45 anos e máis.

Respecto dos grupos de idade de maior fecundidade en España, o 83,4% das mulleres con fillos de 30 a 34 anos e o 67,2% das de 35 a 39 anos atrasaron o nacemento do seu primeiro fillo entre dous e cinco anos respecto do que consideraban ideal.

Por idades, as maiores porcentaxes de mulleres que atrasaron a súa maternidade respecto da idade que consideraban ideal danse entre as mulleres de 40 a 44 anos (51,7%) e de 35 a 39 anos (46,9%). Pola súa banda, as mulleres que máis atrasaron a súa maternidade son as maiores de 44 anos, que se distanciaron, de media, 5,6 anos respecto do seu ideal.

A MÁIS NIVEL EDUCATIVO, MÁIS ATRASO DA MATERNIDADE

Por outra banda, o estudo vincula a fecundidade co nivel educativo xa que, conforme aumenta o nivel educativo atrásase a idade á maternidade. Así, as mulleres con nivel de estudos superiores que actualmente teñen entre 45 e 49 anos tiveron en media 1,50 fillos; as que completaron estudos de segunda etapa de secundaria tiveron 1,58 fillos e as que alcanzaron primeira etapa de secundaria ou inferior tiveron, de media, 1,63 fillos.

Se se ten en conta a situación laboral actual das mulleres de 18 a 55 anos residentes en España, as que están a traballar teñen menos fillos de media para todas as idades. Entre elas, a maior fecundidade dáse nas ocupadas con 40 ou máis anos, cunha media de 1,5 fillos. Mentres, as mulleres en situación de inactividade son as que máis fillos teñen de media, chegando a alcanzar os 1,8 fillos no grupo de idade de 40 a 44 anos.

A enquisa tamén detalla que a porcentaxe de mulleres que traballan e que non teñen fillos é superior ao das mulleres que xa foron nais en todos os grupos de idade, excepto para as menores de 30 anos. No grupo de idade de maior fecundidade (30 a 34 anos) un 78,0% das que non teñen fillos está actualmente traballando, fronte ao 64,0% das que xa tiveron fillos.

Practicamente a metade das mulleres que actualmente teñen entre 30 e 44 anos estaba a traballar no momento de ter ao seu primeiro fillo, con porcentaxes que oscilan entre o 50,4% das de 35 a 39 anos e o 46,9% das de 40 a 44 anos. En cambio, para o resto de idades (menores de 30 e de 45 anos e máis) son maioría as mulleres que estaban en situación de inactividade no momento de ter o seu primeiro fillo.

Consello-O Goberno sube contías non contributivas de prestacións familiares  - Arquivo
Consello-O Goberno sube contías non contributivas de prestacións familiares - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Amparo

Por este motivo, as mulleres teñen unha vida laboral con menos contribución que os homes ... o que provoca menos xubilación e, noutras comunidades como Cataluña, unha vida laboral dura e menos prestacións