Aprobada a lei de rehabilitación entre advertencias da oposición polo "risco para o patrimonio cultural"

O PP e a conselleira de Vivenda negan desprotección e defenden que a norma "permite axilizar actuacións que non afectan".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia foi aprobada no pleno do Parlamento co único apoio do PP, e entre advertencias da oposición porque, ao seu xuízo, o texto "pon en risco o patrimonio cultural" da comunidade. En Marea e BNG votaron en contra, mentres que o PSdeG abstívose. Pola súa banda, os populares afirmaron que entenden que "non" se está desprotexendo o patrimonio, e que "o que se está facendo é axilizando e facilitando os trámites aos cidadáns" cunha norma que busca "fomentar a cultura da rehabilitación" e facelo "compatibilizándoa" coa protección do patrimonio.

A conselleira Ángeles Vázquez no Parlamento
A conselleira Ángeles Vázquez no Parlamento | Fonte: Arquivo Galicia Confidencial

No debate da lei, o tres grupos da oposición coincidiron en varias das críticas, como que nela "prevalece o enfoque economicista sobre o social" con base nun modelo "especulativo", en palabras do nacionalista Luís Bará. Pon por encima "o interese privado sobre o público", en opinión da socialista María Pierres e pretende "maximizar o beneficio para os investidores privados para que sexa atractivo" que se fagan con inmobles nas cidades, para o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez.

Tanto Bará como Sánchez advertiron de fenómenos que apostaban por combater coa norma como a "gentrificación" nos centros históricos e o incremento do prezo dos alugueres. Pola súa banda, Pierres tachou o texto de "covarde" ao faltarlle "valentía para afrontar o gravísimo problema" que afrontan as cidades e considerou que é un documento que "zumega postureo".

O popular Jaime Castiñeira, na súa quenda, defendeu (fronte ás críticas do Bloque) que o proxecto "foi modelo de participación" e replicou (a En Marea) que si "hai medidas para o incremento do parque público de vivenda e actuacións da Xunta para adquirir vivendas en aluguer". "Pero non é unha lei de vivenda, é unha lei de rehabilitación", destacou. Tamén respondeu á acusación de tratar de favorecer a "fondos voitres" que non é así e que o que pasa é que "se invisten moitos fondos para recuperar os cascos para todos os cidadáns".

"O ABANDONO, MAIOR DESPROTECCIÓN"

Tras a quenda de posicionamento dos grupos tomou a palabra a conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen reiterou que a lei "non desprotexe", pero si "permite axilizar as actuacións que non afectan a elementos especialmente protexidos". Deste xeito, fixo seu "a lema que di que non hai maior desprotección que o abandono" e valorou unha norma "que impulsa a colaboración entre administracións" e a "simplificación dos procedementos, reforzando as garantías na protección do patrimonio".

Nun día "crave" pola "importancia" deste texto, a titular de Vivenda da Xunta agradeceu o labor de todos os grupos e reivindicou que "se aceptaron máis de 75 emendas, entre emendas e transaccións". A este respecto, na súa primeira intervención, os portavoces da oposición afearon que foron "aceptadas emendas formais", de acordo con Luís Bará, que incorporaron "como moito correccións de estilo, nunca de argumento" para María Pierres e que por tanto, segundo subliñou Antón Sánchez, "rexeitáronse as transcendentes, que falaban de vivenda baleira, de non rebaixar a protección do patrimonio e da defensa do público".A conselleira lembrou, neste sentido, que "antes do trámite parlamentario xa se incorporou o 42% das alegacións", un total de 56 de 133.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta