"Pacs en pé de guerra" acusa a "cerrazón do Sergas" para non valorar a "contraoferta" do comité de folga

"Non podemos consentir que sigan mentindo dicindo que co se alcanzan nove das 11 reivindicacións presentadas", din desde o colectivo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O colectivo Pacs en pé de guerra Galicia mostrou este mércores o seu "máis absoluta indignación polo trato recibido" polo comité de folga na reunión do 5 de abril e reprochou a "cerrazón do Sergas" de non valorar a "contraoferta".

Nesta liña, mostrou o seu "total desacordo" en que estes "non sexan representantes lexítimos e polo tanto non teñan capacidade negociadora". "Non sabemos se o que lle molesta ao Sergas é a presenza neste comité de traballadores que, doutra banda, somos os que mellor coñecemos e sufrimos os incumprimentos do pacto e as deficiencias na calidade asistencial que podemos prestar", indicou o colectivo nun comunicado.

"Somos os que máis podemos achegar na solución do conflito que mantemos, polo que non entendemos a cerrazón do Sergas en non entrar nin a valorar a contraoferta que presentamos, o que entendemos como un desprezo máis, por parte do Sergas, todo o máis prezado que ten e que non é máis que os seus recursos humanos", destacan.

Por iso, insisten en que non poden aceptar que "a única opción sexa aceptar un borrador que xa foi rexeitado". "Non podemos consentir que sigan mentindo dicindo que co se alcanzan nove das 11 reivindicacións presentadas", apostilou o colectivo. "Non entendemos como unha administración se gaba de conceder dúas dietas cando se traballan 24 horas seguidas, seica o señor conselleiro ou o señor Feijoó levan o tupper de casa?", pregúntase o colectivo.

SENTAR CO COMITÉ

Así mesmo, critican que se lles "recalcule" a xornada por estar enfermos ou de permisos. "A maior das mentiras é que chamen incremento salarial a unha débeda que se mantén desde o 2010 cando nos correspondía cobrar o 100% dos complementos, porque temos que aceptar que se nos prorratee de novo condicionado a necesidades orzamentarias, cando en 2015 creouse un fondo para reverter o conxelado pola crise", indican e pregúntanse "onde está ese diñeiro?".

Con todo, consideran que "este conflito non pode ser solucionado no marco dunha negociación global coa Atención Primaria", senón polos seus "especiais características e marco regulador" no que se lles encadra, instan ao Sergas "a que sente de novo co comité de folga" e "atenda á proposta dos traballadores".

Traballadores da PAC peregrinan desde a Consellería de Sanidade ao Obradoiro. PACS EN PÉ DE GURERRA
Traballadores da PAC peregrinan desde a Consellería de Sanidade ao Obradoiro. PACS EN PÉ DE GURERRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta