O Parlamento comprométese con políticas que garantan a igualdade de oportunidades para o pobo xitano

Recoñece que "o acceso á vivenda normalizada aínda non é unha realidade" e o "chabolismo" segue sendo "un reto a abordar".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2019 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia impulsou unha declaración institucional na que expresa o seu compromiso a "seguir apostando por políticas, iniciativas e programas" que contribúan a asegurar os dereitos sociais para todas as persoas xitanas "sen deixar a ninguén atrás, para que poidan exercer plenamente a súa cidadanía".

Con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano o 8 de abril, o Parlamento de Galicia sumouse a esta celebración cunha declaración institucional, que require o apoio unánime de todos os grupos representados no Pazo do Hórreo e que foi lida polo xefe do Lexislativo, Miguel Anxo Santalices.

A declaración fai referencia a que o ordenamento xurídico recolle a igualdade como "principio e valor compartido por todos os españois" e inclúe artigos que avalan e permiten pór en marcha políticas que garantan a "igualdade de oportunidades, combater a discriminación e promover a participación de todos os cidadáns e cidadás".

"É innegable que as condicións de vida melloraron aínda que queda moito por facer", sinala o texto, que valora que a escolarización dos nenos xitanos "é unha realidade" e "cada vez máis novas" completan a educación obrigatoria e continúan estudando na universidade. A declaración institucional tamén resalta que o mercado laboral, "aínda que lentamente", "vaise abrindo" aos xitanos e xitanas.

Con todo, "o acceso á vivenda normalizada aínda non é unha realidade" e o "chabolismo" segue sendo "un reto a abordar", agrega a declaración. Aínda así, "cada vez" hai "máis mecanismos e recursos" para loitar contra o rexeitamento e a discriminación que sofren as persoas xitanas.

Seguidamente, o documento do Lexislativo galego incide na "brecha da desigualdade", que "persiste, en especial entre as mulleres". Tamén reflicte que a comunidade xitana "está sobrerrepresentada nos índices de pobreza e exclusión social", que "as taxas de fracaso e abandono escolar son moito máis altas entre o alumnado xitano que na media española" e a taxa de desemprego e a precariedade "moi por encima das porcentaxes medias".

"En definitiva, a igualdade de oportunidades non é unha realidade para unha boa parte da comunidade xitana", resume a declaración institucional. A pesar diso, o texto subliña os "avances" que se produciron no recoñecemento institucional do pobo xitano e na "progresiva participación de xitanos e xitanas en todos os ámbitos da sociedade".

Día Internacional Do Pobo Xitano
Día Internacional Do Pobo Xitano

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta