O TSXG condena ao Sergas a facer indefinida a unha doutora que encadeou contratos de forma "fraudulenta"

O Sergas debe facer indefinida a esta profesional desde o 1 de xuño de 2012.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

A sección primeira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Sergas a facer indefinida a unha doutora que encadeou contratos temporais durante máis de seis anos de forma "torticeira" e "fraudulenta".

Nunha sentenza con data do 3 de abril, á que tivo acceso Europa Press, o TSXG ratifica o fallo do xulgado do contencioso número tres da Coruña que lle deu razón a esta facultativa de Obstetricia "sobre o carácter fraudulento da súa contratación".

A demandante encadeou desde o 1 de xuño de 2011 contratos temporais de seis meses ou un ano de duración. A Sala determina que "é evidente que estes, ao longo do tempo, por temporais e eventuais que se fagan parecer, trataban de ocultar por unha torticeira vía unha vinculación indefinida de persoal", a cal "se prolongou no tempo máis de seis anos ininterrompidos".

Deste xeito, sentencia que o Sergas debe facer indefinida a esta profesional desde o 1 de xuño de 2012, xa que desde esa data considera que está probado "o carácter estrutural do posto desempeñado".

"Cualificamos de fraudulenta esa relación xurídica porque sempre que nos nomeamentos de persoal estatutario temporal eventual pasáronse os prazos máximos (12 meses nun período de 24), non se definiu con claridade e precisión o motivo da temporalidade ou, referíndose o mesmo, a praza cuberta fóra de carácter estrutural, haberá de entenderse que se realizou en fraude de lei e, por tanto, de forma irregular", argumenta a sección primeira do TSXG nos seus fundamentos de dereito.

A sentenza estima parcialmente o recurso do Sergas ao eximirlle do pago de costas do proceso. Contra este fallo cabe recurso de casación.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta