O Clúster da Madeira advirte de que o peche de Ence porá en risco todo o sector forestal en Galicia

Representantes do sector forestal din que o peche da papeleira resultaría "demoledor" e suporía "mutilar" seriamente o tecido forestal galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2019 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

Representantes do sector forestal galego advertiron das "graves consecuencias" que tería o peche da fábrica de Ence nunha actividade económica que xera en Galicia 20.320 empregos indirectos, 50.000 directos e que o ano pasado facturou entre 2.300 e 2.400 millóns de euros.

Ence mantén a súa previsión de beneficio pese ao litixio en Pontevedra e eleva ou. EUROPA PRESS - Arquivo
Ence mantén a súa previsión de beneficio pese ao litixio en Pontevedra e eleva ou. EUROPA PRESS - Arquivo

Así o trasladaron representantes do Clúster da Madeira. Manuel Iglesias, presidente da entidade, sinalou que ENCE e Finsa son a únicas "empresas tractoras" deste sector en Galicia que estruturan "a cadea de valor da madeira", polo que o peche da papeleira pontevedresa resultaría "demoledor" e suporía "mutilar" seriamente o tecido forestal galego.

Neste sentido, sostén que máis de 1.500 pequenas empresas e autónomos "estarán en perigo de desaparición" se ENCE marcha de Galicia a outra localización con man de obra e materia prima máis barata.

Iglesias lamentou que o Goberno transmita aos investidores que as "regras do xogo" para poder traballar neste país sexan "absolutamente hostís" para a industria e suman ás empresas nunha "grande inseguridade xurídica".

Pola súa banda, Elier Ojea, da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia, destacou que ENCE é "impecable a nivel ambiental", e sinalou que a súa presenza en Galicia permitiu que, nos peores anos da crise, o sector forestal galego puidese "conter" a "sangría" dos peches "masivos" de empresas.

O presidente da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación de Lugo, Daniel Díaz, incidiu na "grande angustia" que están a sufrir miles de familias que viven dos 85 millóns de euros que, anualmente, gasta Ence en provedores.

Así, incidiu en que estes cidadáns son maioritariamente veciños do rural que "teñen no monte a súa carta de aforro" coa que poder "pagar os estudos dos seus fillos ou afrontar unha enfermidade".

Finalmente, Patricia Sánchez, de Asefoga, sinalou que o peche de Ence afectaría directamente o prezo da madeira en Galicia e estimou que tería como consecuencia unha drástica caída das rendas para os propietarios no rural que repercutiría "nunha menor xestión do monte e por conseguinte máis abandono, e xa sabemos que o abandono ten como unha das súas consecuencias máis incendios forestais e máis virulentos".

Estes representantes do sector forestal galego estudarán convocar unha gran mobilización para defender a continuidade da fábrica da Ría de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta