Temas: XORNALISMO

Xornalistas reclaman aos partidos políticos garantir o dereito á información e mellorar a súa situación

Piden aprobar unha lei que regule a profesión xornalística e garanta o dereito á información da cidadanía.

Por E.P. | MADRID | 11/04/2019 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) enviou aos candidatos á Presidencia do Goberno unha serie de propostas para que as asuman como compromisos na súa campaña electoral, co obxectivo mellorar as súas condicións laborais e profesionais e para garantir o dereito a información da cidadanía.

Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M, Día Internacional da Muller
Xornalistas Galegas, na manifestación do 8M, Día Internacional da Muller | Fonte: xornalistasgalegas.org.

A primeira petición pasa por aprobar unha lei que regule a profesión xornalística e garanta o dereito á información da cidadanía. "Foi debatida un par de veces no Congreso dos Deputados, pero que nunca foi aprobada ata agora por falta de vontade política dos partidos que gobernaron, o PSOE e o PP", criticou.

Na carta enviada aos candidatos tamén solicita a modificación da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá (coñecida polos seus detractores como 'Lei Mordaza') e as reformas do Código Penal e da Lei de Enxuizamento Criminal, que, ao seu xuízo, "limitan dereitos e liberdades da cidadanía e dos xornalistas pero que, a pesar diso, foron aprobadas na X Lexislatura cos únicos votos do PP".

Así mesmo, quere que se recoñeza na lei a xornalistas, fotoperiodistas, infografistas e deseñadores gráficos "como titulares do dereito de autoría das súas obras, e que as Cortes regulen por lei o segredo profesional, aínda sen desenvolver despois de 40 anos de aprobalo a Constitución".

En relación cos medios públicos, o FOP reivindica que na próxima lexislatura adopten "as medidas lexislativas que sexan necesarias" que sexan "plenamente independentes do goberno de quenda".

Doutra banda, pide a creación dun Consello Estatal de Medios Audiovisuais, independente do Goberno e con financiamento público suficiente, que teña como misión "vixiar para que eses medios cumpran correctamente a función de servizo público á cidadanía para a que se lles concedeu a licenza de emisión".

A loita contra a utilización de falsos autónomos nos medios de comunicación, contra o ciberacoso ás mulleres xornalistas e a promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres no sector xornalístico son outras das peticións que expuxo o FOP aos candidatos.

Tamén reivindica que se regule a figura dos colaboradores e freelances e sexan incluídos no Réxime Xeral da Seguridade Social; conceder licenzas de emisión aos medios comunitarios sen ánimo de lucro; que os licenciados ou graduados en Xornalismo poidan ser profesores de Linguas e de Literatura, e que nos institutos se imparta unha materia de Educación en Comunicación.

O Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) intégrano a Agrupación de Xornalistas de CCOO, Agrupación de Xornalistas UXT, Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), Col.legi de Periodistes de Catalunya, Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa e Televisión (ANIGP-TV) e UPIFC-Sindicat da Imatge.

Temas: XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta