Temas: FRASEOLOXíA

“Non lle restar pallas” ou “non lle negar a cara”, equivalentes, entre outras, ó castelán “no quedarse corta [una persona o cosa respecto de otra]”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/04/2019 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Para darmos a entender que unha persoa non ten menos méritos (ou deméritos, segundo o caso) ca outra da que se está a falar, así como tamén para expresarmos que unha cousa ou acción non ten menos intensidade, relevancia ou importancia, nalgunha ou en varias calidades, ca outra da que se está a falar, adoitamos en moitas ocasións escoitar que non (lle) queda curta respecto desoutra cousa ou persoa coa que facemos a comparanza. Mais existen outras construcións lingüísticas que dan conta desa mesma idea, entre elas as seguintes:

Alpacas de palla
Alpacas de palla

No quedarse corta [una persona con respecto a otra, en algo] o [una cosa o acción con respecto a otra, en alguna cualidad o condición]

{= 1. Non ter menos méritos ou deméritos, segundo o caso, unha persoa ca outra da que se está a falar. 2. Non ter menos intensidade ou valía, nalgunha ou en varias calidades, unha cousa ou acción con respecto a outra da que se está a falar.}

Non lle restar pallas

Non lle negar a cara

Non lle pedir nada && Non lle ter nada que pedir

Non lle quedar nada a deber

Non lle mamar na rolla de atrás

Ex.: Pues si él es gilipollas, tú tampoco te quedas corto.

Pois se el é papahostias, ti tampouco lle restas pallas # ti tampouco lle negas a cara # ti tampouco lle pides nada # ti tampouco lle tes nada que pedir # ti tampouco lle quedas nada a deber # ti tampouco lle mamas na rolla de atrás.

Ex.: Pues tal vez ese coche alcance los 240 kilómetros por hora, pero yo te aseguro que este no se queda corto # no le va a la zaga.

Pois poida que ese coche alcance os 240 quilómetros por hora, pero eu asegúroche que este non lle restas pallas # non lle nega a cara # non lle pide nada # non lle ten nada que pedir # non lle queda nada a deber # non lle mama na rolla de atrás.

● Tamén:

No quedarse atrás

Non lle quedar atrás && Non lle quedar curto

APUNTAMENTO:

En non poucos contextos (véxanse, sen ir máis lonxe, os exemplos) tamén se emprega o verbo andar en vez de quedar.

● Tamén:

No le ir # quedar a la zaga

Non lle andar # ir # quedar á popa && [E TAMÉN, SE CADRA MAIORMENTE ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO UN TANTO MÁIS FAMILIARES E COLOQUIAIS]: Non lle andar # ir # quedar ó rabo && Non lle mirar ó rabo

● Tamén:

No tener nada que envidiarle

Non lle ter nada que cobizar # envexar

Ex.: Pois se el é papahostias, ti non (lle) andas atrás # ti non lle andas curto # ti non lle quedas á popa # ti non lle andas ó rabo # ti tampouco lle quedas nada a deber # ti tampouco lle mamas na rolla de atrás.

Ex.: Pois poida que ese coche alcance os 240 quilómetros por hora, pero eu asegúroche que este non lle queda atrás # non lle queda curto # non lle pide nada # non lle ten nada que pedir # non lle queda nada a deber # non lle mama na rolla de atrás.

NOTAS:

1. Con respecto á locución non lle mamar na rolla de atrás, imos primeiramente lembrar o significado da voz rolla:

Rolla (DRAG): substantivo feminino 1. Peza de cortiza ou doutro material, en forma de cilindro, que se usa para tapar botellas, garrafóns etc. Quitoulle a rolla á botella co sacarrollas. Sinón.: tapón. 2. Roda de trapo que se pon na cabeza ou no lombo para levar cargas sen que estas molesten. Fixo unha rolla cun pano para carrexar os feixes. Sinóns.: mulida, mulido, rodela. Confróntese: coleira. 3. Trapo para limpar. Secou o chan cunha rolla. Sinóns.: mulido, rodela.

Como se pode apreciar, parece que non existe ningunha acepción que se axeite á voz rolla da expresión aquí reflectida. Sen embargo, e inda que polo de agora non se recolle no DRAG, está amplamente documentado o emprego deste vocábulo como (botando man da definición que fornece Eladio Rodríguez González no seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano) “cada una de las mamas de la cerda”, que é, efectivamente, a acepción coa que se corresponde no noso caso. Así, a paremia mamar na rolla de atrás recóllese en diversas obras lexicográficas (por exemplo, no Diccionario normativo galego-castelán de Galaxia, de Boullón Agrelo, Monteagudo Romero e García Cancela) como estar en desvantaxe... e o tránsito desde esta paremia á reflectida no presente artigo semella ben pouco dificultoso de facer.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta