Pontón convencida de que o BNG vai volver ter representación en Madrid

Amosase "segura da remontada". "O BNG é a garantía de que Galicia vai recuperar voz propia", asegura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2019 | Actualizada ás 00:05

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego arrinca a campaña electoral na que aspira a recuperar representación no Congreso dos Deputados cunha mensaxe clara: "Defender Galicia e frear a involución democrática". A líder da formación, Ana Pontón, abriu con estas palabras a carreira electoral no corazón da capital galega, nunha intervención na que apelou ao voto de nacionalistas e non nacionalistas e na que se mostrou "segura da remontada" da formación frontista.

Así, nun escenario no que non se prevén maiorías absolutas e na que "cada voto vai ser decisivo", Pontón advertiu de que "os deputados nacionalistas son garantía de que Galicia vai recuperar voz propia no Congreso" e, ao mesmo tempo, será "freo á dereita españolista que pretende levarnos ao pasado".

"Votar BNG é votar con ilusión a favor de Galicia, garantía de que imos condicionar a política do Estado para mellorar a vida dos galegos e, ao mesmo tempo, é un voto a favor dos dereitos e das liberdades", salientou Pontón.

E é que, o Bloque ve o 28A como unha "oportunidade que os galegos van aproveitar para acabar coa discriminación a Galicia, optando por un BNG que ofrece un proxecto sólido, unido e coa man tendida ás persoas nacionalistas ou non, que queren que este país teña voz propia e forte en Madrid, sen subordinacións á forza estatais, vellas e novas, que agravian e decepcionan".

"O QUE NECESITA COMO AUGA DE MAIO"

A líder nacionalista incidiu en que o 28 de abril é "unha oportunidade para conseguir o que Galicia necesita como auga de maio": "Ter representación forte en Madrid sen pedir permiso a ninguén". "Con deputados que falen deste país, das súas aspiracións, que falen e os seus problemas e de como solucionalos, de como darlle futuro aos seus fillos, de como darlle oportunidades a xente nova e de como construír unha Galicia próspera e orgullosa", defendeu.

É máis, Ana Pontón mostrouse convencida de que "o torrente de simpatía" cara ao BNG "vai en aumento". Por iso, augurou que "moitos galegos van optar por unha forza que non ten que pedir permiso, tras o fracaso dunhas forzas estatais, as de sempre e as de agora, que demostraron que só veñen a Galicia a pedir o voto".

"Este 28 de abril, os galegos van dicir alto e claro que xa está ben, que non queremos outros catro anos de sombra, que non aceptamos que nos traten como un país de segunda e que estamos fartos de discriminación e espolio", remarcou Pontón, quen engadiu que "son cada vez máis as persoas que queren que as cousas cambien de verdade, outra vida, cun traballo digno, con dereitos, con dignidade, que queren abrir un tempo novo e gañar a esperanza dunha vida mellor, aquí e agora".

SEGURA DA "REMONTADA"

Ana Pontón fixo un chamamento amplo ao voto ao BNG. "Non fai falte ser nacionalista para votar ao BNG, o que fai falta é levar a Galicia na cabeza e no corazón, crer que é importante que sexamos determinantes no Estado da man dunha forza que defende os dereitos nacionais e sociais e garante ser o freo desta derechona carca que só nos trae a involución", reflexionou.

Neste contexto, mostrouse "segura" da "remontada". "O Bloque vai a por todas porque moitos galegos van abrir un tempo novo, confinado no BNG e imos estar á altura", selou.

Ana Pontón antes de comezar o seu discurso no Día da Patria
Ana Pontón antes de comezar o seu discurso no Día da Patria | Fonte: Galicia Confidencial

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta