O novo sistema de loita contra os lumes: franxas limpas arredor das aldeas para actividades agrogandeiras

Quen estea intesado ten que adquirir un compromiso de cinco anos. Con todo, a medida para facerse efectiva dependerá da vontade dos concellos e dos numerosos propietarios desas franxas, algo que o propio conselleiro non garantiza polo gran minifundismo da terra en Galicia.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/04/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou este xoves que a Xunta comezará no próximo mes de maio a limpeza das franxas de seguridade contra lumes forestais en propiedades pertencentes a 695 aldeas de 68 parroquias de toda Galicia consideradas de alto risco incendiario. Unha loita contra os lumes forestais no que se inicia unha nova estratexia.

A Xunta pretende dar "prioridade" ás zonas máis vulnerables, escollidas con criterios "obxectivos" e "técnicos". En total, prevese actuar en 4.500 hectáreas de terreo durante este 2019, para chegar até as 16.000 en 2022.

Mastín Leonés vixiando un reballo de ovellas
Mastín Leonés vixiando un reballo de ovellas | Fonte: O-Xan

40 ALDEAS "MODELO"

Dentro desta nova estratexia reservanse "40 aldeas modelo" para que, logo de realizar tarefas de limpeza nas franxas de seguridade, estas poidan ser destinadas a proxectos agrogandeiros. "Trátase de cultivar nelas hortas, froiteiras ou meter animais", dixo o conselleiro. O compromiso é de que as persoas ou entidades que se fagan responsable destas leiras limpas asuman o compromiso de coidalas e desenvolver nelas estes proxectos agrogandeiros durante cinco anos.

Se hai acordo, os integrantes de Seaga efectuarán limpezas, sempre co "compromiso previo" dos seus titulares. "Os donos pasarán de pagar --350 euros hectárea rozada-- a recibir unha renda", engadiu José González.

Neste sentido, Feijóo lembrou que a lei permite á Xunta entrar nas leiras tanto de propietarios descoñecidos como daqueles que se neguen a efectuar a limpeza. Agora, con este engadido ao acordo, dixo, "a administración axudará aos propietarios a pór en valor os seus terreos".

PROBLEMAS

O convenio de protección das aldeas supón a colaboración da Xunta cos 177 concellos incorporados actualmente ao plan, cos que se colabora para tramitar os seus plans de prevención e defensa contra os lumes. Neste sentido, porase a disposición dos municipios programas informáticos para axilizar o envío de notificacións aos veciños propietarios dos terreos.

E como se vai facer isto?. "É unha medida interesante pero, coa gran dispersión de poboación e o minifundismo galego, como se poderá rozar unha franxa importante e poñer de acordo aos propietarios para adicala a actividades agrogandeiras?", preguntoulle Galicia Confidencial ao conselleiro que non soubo dar coa resposta adecuada. "Dependerá dos concellos que se involucren neste proxecto e dos titulares", respondeu.

BUSCAR A "LIMPEZA PERMANENTE"

O titular do Medio Rural insistiu en que, ademais de adecuar estas zonas, impulsarase nelas a implantación de actividades agrogandeiras "para buscar a súa limpeza permanente". Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou que esta medida parte dunha modificación do convenio de limpeza das franxas de seguridade asinado en agosto entre o Goberno galego, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Segundo esta ampliación do acordo, promoveranse proxectos pilotos públicos ou privados para mobilizar estas terras de xestión de biomasa e que "non haxa que entrar a limpalas todos os anos", segundo expresou o conselleiro do Medio Rural, que destacou esta iniciativa como "pioneira".

PUNTUALIZACIÓNS DA FEGAMP

Sobre esta cuestión, a Fegamp explica nun comunicado que o motivo para facer esta addenda débese a "outras necesidades que non estaban reflectidas no texto inicial e que era necesario acometer". Unha das "máis importantes" é, precisamente, a elaboración de plans municipais contra o lume, unha cuestión de "vital importancia" para os concellos.

Precisamente, a Fiscalía de Medio Ambiente escribiu a 63 municipios galegos de zonas con alta incidencia de incendios forestais para informarlles de que fará un seguimento da súa actuación nesta materia e non descarta abrir unha "investigación penal concreta" se estes non contan cun plan de prevención de incendios para estas áreas e volve producirse un novo sinistro.

Outra medida será o desenvolvemento dun visor web a través do cal os concellos poderán saber que parcelas están obrigadas á súa limpeza, tal e como indicou o conselleiro do Medio Rural. Con todo, este visor web aínda non é de consulta pública para que os particulares donos de fincas poidan saber se teñen a obriga de rozalas.

INVESTIMENTO TOTAL DE CASE 37 MILLÓNS

Todas estas actuacións suporán un investimento de case 37 millóns de euros por parte das administracións asinantes do acordo, dos cales a Xunta achegará 28,7 millóns. A limpeza de franxas e a prevención de incendios é "un tema clave no presente e futuro de Galicia", segundo asegurou Feijóo.

Así mesmo, o presidente galego incidiu en que "a prioridade van seguir sendo as parroquias de alta actividade incendiaria" e a "seguridade" das súas casas.

Restos da antiga hermida de Santo Estevo de Augas Santas, en Barreiros, localizadas logo da limpeza realizada polos veciños
Restos da antiga hermida de Santo Estevo de Augas Santas, en Barreiros, localizadas logo da limpeza realizada polos veciños
Actividades de limpeza
Actividades de limpeza | Fonte: Deputación de Lugo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta