En Marea quere voz en Madrid para loitar contra a precariedade, polos mozos e por máis oportunidades

Aposta por "impulsar unha Galicia de oportunidades" nun Estado que "amplíe dereitos". Villares estivo acompañado pola 'número uno' da candidatura ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, entre outros aspirantes.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/04/2019 | Actualizada ás 00:15

Comparte esta noticia

En Marea iniciou a súa campaña electoral coa que aspira a "impulsar unha axenda propia para unha Galicia de oportunidades" e participar na conformación dunha maioría democrática que "amplíe dereitos" no conxunto do Estado. A formación rupturista iniciou oficialmente a campaña este venres, con pegadas de carteis simultáneas en Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. Precisamente, na capital galega, o portavoz da formación, Luís Villares, estivo acompañado polo 'número uno' da candidatura ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, entre outros aspirantes.

"Sumar para todas pero sen restar para ninguén" serán as claves do proxecto político que En Marea aspira a levar ás Cortes Xerais a partir do próximo 28 de abril. Para iso, presenta un programa con 299 medidas "urxentes" para Galicia, coas que quere mellorar a calidade de vida dos galegos á vez que favorecer a cohesión territorial e garantir unha mellor calidade de vida no conxunto do territorio.

No acto de pegada de carteis, Villares volveu a reivindicar a intención da formación de conseguir a derrogación da "Lei Mordaza e das reformas laborais" que, segundo denunciou, condenan aos cidadáns á "precariedade". Ademais, considerou necesario conseguir uns orzamentos "xustos" para Galicia polo que apostou por "tecer alianzas de progreso" no ámbito estatal pero sen conceder "cheques en branco".

SEN DEIXAR A NINGUÉN "ATRÁS"

"Con En Marea haberá investidura para unha maioría que non deixe a ninguén atrás", manifestou Villares, que destacou que o contrato da súa formación é coa "cidadanía galega". Pola súa banda, a cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Ana Seijas, comprometeu toda a súa "ilusión e traballo" para levar a Madrid a voz dos galegos e defender unha Galicia "competitiva, solidaria e cooperativa".

"En Marea di non a deixar atrás á xente e o seu potencial. Reivindicamos a igualdade nunhas eleccións que son cruciais para recuperar dereitos democráticos e conseguir que Galicia sexa tida en conta como merece", reivindicou.

Luis Villares
Luis Villares | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta