Pablo Casado envía a Rajoy a Galicia para neutralizar a perda de votos nas enquisas

O ex-presidente do Goberno central arroupará en Pontevedra a Ana Pastor no primeiro día de campaña electoral.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 11/04/2019 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

O ex-presidente do Goberno Mariano Rajoy arroupará no primeiro día de campaña electoral para as xerais do 28 de abril á cabeza de lista do Partido Popular pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, nun acto no que os populares galegos, liderados por Alberto Núñez Feijóo, queren recoñecer a figura de quen foi desaloxado da Moncloa pola moción de censura.

Mariano Rajoy e Ana Pastor, no hemiciclo. EUROPA PRESS - Arquivo
Mariano Rajoy e Ana Pastor, no hemiciclo. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

En concreto, este encontro de militantes, simpatizantes e amigos do expresidente celebrarase a partir das 20,30 horas no auditorio de Afundación da Boa Vila, onde está arraigado o político popular que en 2015 logrou ser investido en segunda volta como presidente do Goberno en minoría.

Tal e como aseguraron fontes do partido, este acto, que estará presidido polo presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, "non é un mitin máis en campaña".

A presenza de Rajoy en Galicia foi moi significativa nas últimas autonómicas, as do 25 de setembro 2016, aínda que boa parte dos actos foron independentes dos centrais do propio Feijóo. Pero sen dúbida, o acto da Praza de Touros de Pontevedra durante esa campaña foi un dos fitos da carreira electoral e, precisamente, foi o último mitin de Rajoy --xa como presidente investido daquela-- na cidade que o declarou 'non grato' en febreiro dese mesmo ano.

"Non é un último adeus, pero si se trata de recoñecer o traballo da lexislatura que acaba agora", explicaron fontes populares. Estas mesmas fontes indicaron que non están pechados por agora máis actos do expresidente en campaña, pero barállase algunha presenza máis de Rajoy.

Este acto do ex-presidente terá continuidade este sábado a través dun comida mitin no Baixo Miño, acompañado dos candidatos do PP ás alcaldías desta comarca do suroeste de Pontevedra.

A súa presenza tenta neutralizar, cun nome que ten un forte peso en Galicia e na política estatal, a baixada na estimación de votos do PP en Galicia, segundo as enquisas. O auxe de Ciudadanos e Vox, e a suba do PSOE poden levar o PP a mínimos históricos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta