CIG-Saúde reclama a Sanidade unha Subdirección Xeral de Enfermaría

Piden ao conselleiro unha reunión "na maior brevidade posible" para tratar "este tema de máximo interese"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2019 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

CIG-Saúde reclama á Consellería de Sanidade que cre a Subdirección Xeral de Enfermaría na estrutura directiva da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria para facilitar o desenvolvemento profesional deste colectivo e a súa inclusión na toma de decisións de procesos asistenciais.

Así o explicou este venres a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, quen lamentou que a participación da enfermaría na xestión sanitaria pública como profesional "altamente cualificado" está a ser "invisibilizada pola Consellería de Sanidade".

Neste sentido, este sindicato considera que a Consellería de Sanidade "ten que adaptarse á realidade social" e acabar coa "invisibilidade" da enfermaría na toma de decisións. "É un dos sectores máis amplos de profesionais", reivindicou Abuín.

Por iso, para que poidan participar na planificación dos procesos asistenciais, CIG-Saúde demanda ao conselleiro unha Subdirección Xeral de Enfermaría porque na actualidade "non hai enfermeiros en ningún posto de relevancia" e "só persoal médico en postos directivos".

INTERLOCUTOR

Para CIG-Saúde que "calquera tema de asistencia sanitaria referido a a enfermaría" o "interlocutor" sexa un facultativo "impide o desenvolvemento normal da enfermaría".

Deste xeito, esta central sindical reclama que esta Subdirección teña asignadas competencias "para unha mellora da calidade asistencial e do empoderamiento da profesión enfermeira".

Por todo iso, remitiron un escrito ao conselleiro de Sanidade no que, ademais de reclamar unha Subdirección Xeral de Enfermaría, solicitan unha reunión con el "na maior brevidade posible" para tratar "este tema de máximo interese".

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta