Temas: ORZAMENTOS XUNTA

A Xunta gastará case trinta millóns de euros para remodelar a súa sede en San Caetano

Quen gañe o concurso redactará o proxecto e dirixirá a obra, a través dun contrato de 860.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2019 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

A Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia formalizaron este venres o convenio de colaboración polo que se botará a andar o concurso de ideas para a remodelación interior do complexo administrativo de San Caetano. O acordo foi asinado por parte do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do COAG, Antonio Maroño. O proxecto de reforma do complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, contará con actuacións de remodelación do interior e melloras enerxéticas por un importe máximo de 29 millóns de euros.

Para iso, o Goberno galego convocará un concurso de ideas, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, para elixir a mellor proposta. O gañador será o encargado de redactar o proxecto e dirixir a obra, a través dun contrato de 860.000 euros. Tamén recibirán premios os que queden en segundo e terceiro lugar, así como o tres accésit. Rueda destacou a "axuda" do Colexio de Arquitectos para facilitar a "orientación" que cren que debe ter esta reforma "moi ambiciosa", na que definiu como "a casa administrativa de todos os galegos e galegas" e "sede de referencia" do Goberno galego.

Así, unha vez finalizado todo o proceso de remodelación exterior, con cambios de cubertas, xanelas, e fachadas, traballarase na adaptación do complexo de oficinas un novo concepto "máis flexible" para as necesidades da propia administración, como dos funcionarios, e os cidadáns. Neste sentido, agradeceu a "disposición" dos arquitectos galegos, que considerou "fundamental" para poder escoller "os mellores proxectos, os máis innovadores e que lle dean este selo á obra". O xurado valorará unha serie de requisitos, especialmente, como o aproveitamento da luz natural e os espazos xa existentes, que leve a cabo en fases, que se garanta a accesibilidade e un bo sistema de arquivo de documentación, entre outros.

Xunta e Colexio de Arquitectos asinan o convenio para o concurso de ideas da remodelación interior de San Caetano. XUNTA
Xunta e Colexio de Arquitectos asinan o convenio para o concurso de ideas da remodelación interior de San Caetano. XUNTA | Fonte: Europa Press

Temas: ORZAMENTOS XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta