Incineración de residuos, un modelo fracasado

A Directiva Europea de Residuos 2008/98 CE, determina as seguintes prioridades para a xestion do lixo: a primeira é a prevención e a redución tanto do volume como da perigosidade dos residuos, logo a reutilización e a reciclaxe e por último, a valorización enerxética e o vertido. Neste ultimo chanzo é onde está situada SOGAMA e onde hai 20 anos a Xunta do PP situou xestión dos residuos urbanos na Galiza, erro que vai voltar a repetir coa nova incineradora prevista no Plano de Residuos (PXRUG).

Por Fins Eirexas | | 12/12/2011

Comparte esta noticia

Indo aos números, o fracasado modelo SOGAMA amosa uns resultados de valorización material porcentualmente similares aos dun vertedoiro. Esta baixa eficiencia fai que a incineración só poida ser considerada como unha opción de eliminación, equiparábel ao vertido. No novo PXRUG, a incineración chucha o 60% do investimento en infraestruturas e o 48% do orzamento total, fundamentalmente par a construción dunha cunha nova planta incineradora no Sur e a ampliación da de Cerceda. A parte do rato, un 12,5% dos cartos, investiranse en 7 novas plantas de compostaxe e un número indeterminado de "miniplantas" locais, para deste xeito cumprir sobre o papel coa Directiva Marco de Residuos. Malia á escandalosa manipulación dos datos no documento do PXRUG aprobado polo PP, (para o que Nostián e Barbanza non reciclan envases!? cando en 2008 triplicaban en porcentaxe a SOGAMA), a Xunta non pode ocultar que os sistemas alternativos xa cumpren a día de hoxe os obxectivos de reciclaxe previstos no PXRUG.

A redución, primeira prioridade e base de calquera sistema de xestión dos RSUs, ten no PXRUG do PP uns obxectivos ben cativos: o 10% no 2020 con respeito aos valores de 2009. Se só a crise económica foi quen de rebaixar a xeración de residuos case nun 1% anual, sen as institucións teren feito nada nen investido un só euro en redución, fixar o obxectivo do 10% para o 2020 gastando 56,1 millóns de € en políticas de prevención, reflicte ben ás claras a ineptitude/ineficacia/desleixo da Xunta por diminuir seriamente a produción de lixo.

E polo que respeita á compostaxe, o PXRUG fixa para 2020 un obxectivo do 25%. A día de hoxe, Nostián e sobor de todo Barbanza superan de longo estes obxectivos (43,2% e 44,9% -netos- respeitivamente) mentres que SOGAMA e o modelo vertedoiro empatan cun 0%. O mesmo acontece coa recollida selectiva das outras fraccións, p. ex. o vidro: Nostián e Barbanza xa están nos obxectivos de 2020 gañando por goleada a SOGAMA ao igual que no resto das fraccións.

Estes datos revelan que SOGAMA e o seu modelo incineratorio afunde os índices de recollida selectiva e reciclaxe galegos a níveis terceiromundistas, mentres que os dos sistemas alternativos sitúanse en liña ou por riba das previsións máis avanzadas de Europa. O problema é pois o modelo, baseado na incineración, que contra toda lóxica o PP vai reproducir coa segunda incineradora prevista n'O Irixo.

Fronte a esta realiade, O PP tira de demagoxia: Cando o actual presidente de SOGAMA Sr. Lamas compara a situación galega coa de Austria, en referenza á ducia de plantas incineradoras daquel país, esquece deliberadamente que Austria ten unha taxa de compostaxe superior ao 40% e máis 400 plantas, mentres que en Galiza, o modelo SOGAMA composta un 0%.

Duplicar a incineración construindo unha nova planta no sur equivale a asumir a inoperancia da administración para deter o continuo incremento na produción de lixo. Actualmente a planta de Cerceda está saturada e recibe unhas 900.000 Tm anuais, tendo capacidade só para 350.000 Tm: a diferenza vai a vertedoiro  Recentemente a Xunta tivo que aprobar un proxecto cun orzamento de 10.308.338 € para alongar o vertedoiro de SOGAMA en Cerceda e seguir amoreando máis lixo. A ampliación cara o sur suporá agrandar este buraco negro e seguir engulindo máis lixo: unha fuxida cara adiante para continuar mercadeando cos residuos, enriquecendo ás eléctricas (G.N.-Fenosa na SOGAMA I e Estela Eólica na SOGAMA II) e inchando máis a débeda dos concellos. Como é que non se quere facer nada pola redución e por tentar deter o incremento na xeración de lixo, primeira prioridade dunha política de xestión de residuos? De seguirmos así, no 2020 a producción de lixo en Galiza atinxirá case os dous millons de toneladas anuais. Daquela, candas incineradoras e cantos vertedoiros precisaremos?

A administración debería aprender dos erros pasados, facer propósito de enmenda e cumprir as leis e directivas europeas que priorizan a reducción, a reutilización e a reciclaxe, e establecen unha xerarquía no tratamento de residuos que prima a compostaxe, situando no último chanzo a incineración e o vertido.

O modelo SOGAMA e a incineración condúcenos cara a insustentabilidade ambiental e o desbaldimento económico. A pregunta é: quen se beneficia desta ruina económica e ecolóxica?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA