As responsabilidades do Valedor

Desde a Responsabilidade Nacional de Lingua da MNG (Mocidade Nacionalista Galega) non podemos máis que apoiar firmemente cada unha das campañas xurdidas nestes últimos días para esixir ao Valedor do Pobo que retire o ditame, elaborado por esta institución, que pretende instar a Educación a actuar e suprimir dos centros educativos de Galiza un libro de texto de 5º de Primaria da materia de Coñecemento do Medio por asegurar que “o galego é a lingua propia de Galicia” ou por indicar que este idioma é oficial no territorio galego.

Por Mar Lopes | Compostela | 14/12/2011

Comparte esta noticia

Pedro Larrauri, coordinador local do partido UpyD (Unión Progreso y Democracia) de Vigo, presentou o pasado 6 de agosto de 2011 unha queixa na Consellaría de Educación da Xunta de Galicia, protestando polo emprego nos colexios galegos do libro de 5º  de primaria da materia de Coñecemento do Medio e da editorial de Vicens Vives. Larrauri explica no seu blogue, despois da intensa polémica causada o pasado domingo 11 de decembro ao facérense públicas as pretensións do Valedor do Pobo, que “En el capítulo donde se estudia en ese libro a Galicia como Comunidad Autónoma, en la página 57, los autores incluyen un recuadro que destaca artículos fundamentales de nuestro Estatuto, y que termina citando el primer punto del artículo 5º, donde puede leerse: "A lingua propia de Galicia é o galego". Pero no se dice que el artículo 5º del Estatuto continúa diciendo que el castellano es también lengua oficial, que se debe garantizar el uso normal y oficial de los dos idiomas, y que nadie podrá será discriminado por causa de la lengua. No se dice nada de eso, ni se hace referencia en ningún otro sitio del libro al idioma castellano en su condición de lengua cooficial.”· Desde a MNG queremos convidar o señor Larrauri a que acuda a calquera diccionario ou enciclopedia elaborados cun certo rigor e que note a grande diferenza existente entre os significados de “lingua propia” e “lingua oficial”. Larrauri neste pequeno parágrafo parece considerar que estas dúas expresións significan o mesmo; se cadra, desexa mesmo mudar a historia do galego ao seu antollo chegando a defender que o castelán naceu en Galiza mentres que o galego foi imposto desde a Corte de Castela hai tempos inmemoriais, non é? Polo outro lado, desde a MNG non vemos a inexactitude neste libro ao afirmar que o galego é “lingua oficial de Galicia”. Larrauri quéixase de que non se sinale o mesmo para o caso do castelán, mais, se consideramos que o explicado por esta persoa fose certo, mudaría algo a realidade da lingua galega en Galiza? Cúmprense os diferentes puntos explicitados no Estatuto de Galicia sobre a lingua galega?  Garántese realmente o uso “normal” e “oficial” do galego na súa propia terra e na actualidade? É certo que os galegofalantes xa non sexan discriminados polo uso que fan deste idioma nos diferentes ámbitos da sociedade? Traslademos estas mesmas preguntas para o caso da situación do castelán en Galiza e bateremos coa crúa realidade: o galego na actualidade continúa a ser discriminado nos diferentes ámbitos da sociedade e 30 anos despois da  chegada da “democracia” á nosa terra, a lingua que define o colectivo deste país, o galego, non é usada con plena “normalidade” e mesmo nos últimos anos, desde a chegada do PPdeG ao poder (2009) está a perder o carácter “oficial” a favor unica e exclusivamente do castelán.

Larrauri, posteriormente ao envío da súa queixa persoal á Consellaría de Educación da Xunta de Galicia, afirma, no seu blogue, non ter constancia de que Educación estea a facer algo para solventar esta “inxustiza” e decide enviar a mesma queixa ao Valedor do Pobo. Unha suposta notificación desta institución chega a mans de Larrauri datada a día 3 de novembro de 2011 e na que lle comunican, disque, que resolven instar á Consellaría de Educación a que tomen as medidas oportunas para que non se empregue tal libro de texto nos centros educativos de Galiza. Comezamos, parece ser, unha nova persecución e “queima” de libros declarados non gratos polos poderes públicos da nosa terra, como se estivesemos a vivir na propia época da Inquisición ou como se nos tocase sobrevivir a unha nova ditadura decimonónica.

Finalmente Larrauri considera importante ter asistido a diferentes medios de comunicación para presionar e para se queixar da falta de transparecia e celeridade da Xunta de Galicia na hora da toma dunha decisión para solucionar este “conflito”. Mais, a que medios se ten dirixido esta persoa? Na nosa procura de información ao respecto, descubrimos que soamente dous xornais “galegos” e un español decidiron publicitar esta nova: Faro de Vigo, Atlántico Diario e ABC, o primeiro de carácter dereitista e os dous últimos de extrema dereita; xornais que endexamais se caracterizaron por expresar tan só unha soa idea positiva acerca da lingua galega; xornais que, mesmo, na hora de redactar a súa información sobre esta circunstancia, deciden empregar a manipulación informativa para se achegaren á sociedade. Sanguento é o caso, por pór un exemplo, de Atlántico Diario, que chega a intitular a súa nova da seguinte maneira “Un vigués logra retirar un libro de texto en gallego”, cando no día de hoxe aínda non se producíu ningunha consideración ao respecto por parte da Xunta de Galicia e cando o libro en disputa continúa a ser empregado no colexio que denuncia abertamente o señor Larrauri (e onde as súas fillas estudan).  

Habería que indicar, alén de todo o exposto até este momento, que o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, apoia o ditame do Valedor do Pobo segundo puidemos comprobar en diferentes informacións reflectidas en diversa prensa de Galiza: O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, explicou este luns que nos próximos días, "hoxe ou mañá", remitirase un escrito á editorial do libro de texto no que se di o galego é a lingua propia de Galicia pero non indica que o español é lingua oficial na comunidade, para que proceda a remitir a todos os centros onde se traballa con ese libro unha "addenda que complete o texto que foi emitido dunha maneira parcial". Mais, pola contra, tanto a Xunta de Galicia e o Valedor do Pobo como Pedro Larrauri omiten intencionadamente ou non o feito contrastado de que na páxina 56 do devandito libro denunciado se inclúe un apartado “Para saber máis”  en que se reflite a seguinte información:

A Constitución establece que o castelán

é a lingua oficial de España.

O castelán é a lingua oficial única en 11

Comunidades Autónomas e en Ceuta e

Melilla. Nas demais Comunidades, segundo

dispoñen os seus Estatutos de

Autonomía, existe outra lingua oficial:

O galego é a lingua oficial de

Galicia.

O catalán é oficial en Cataluña, Illas

Baleares e Comunidade Valenciana

(onde se denomina valenciano).

O vasco o euskera é oficial no País

Vasco e nunha parte de Navarra.”

 

A quen queren enganar as institucións galegas e o propio Larrauri? Seica trantan a poboación galega de parva ou de incapacitada para comprender un texto como o anterior en que se mostra con todo luxo de detalles e dun xeito adecuado e adaptado aos rapaces de 5º de primaria (10-11 anos) a realidade lingüística do estado español?  

Por todas estas circunstancias e considerando que o Valedor do Pobo actúa actualmente na defensa do Partido Popular en detrimento do conxunto da sociedade e mesmo tendo en conta a listaxe bastante ampla de ofensas que o representante desta institución,  Benigno López, ten mostrado respecto da lingua e cultura de Galiza desde o día seguinte á súa elección para o cargo, queremos, desde a Responsabilidade Nacional de Lingua da MNG e desde o conxunto da MNG, unírmonos a todas as plataformas cívicas que até o momento se pronunciaron pedindo a demisión do Valedor do Pobo (A Mesa pola Normalización Lingüística e Prolingua). Para alén diso, animamos a toda a sociedade galega a que participe das diferentes accións que se están levando a cabo: desde a rede social Twitter iniciaron unha campaña para esixir ao Valedor do Pobo que retire o seu ditame que insta a Xunta de Galicia a tomar accións para retirar este libro do ensino. A xente que posúa unha conta nesta rede social pode unirse a esta campaña facilmente a través deste enderezo web: http://act.ly/56z ; polo outro lado, A Mesa pola Normalización Lingüística iniciou varias campañas que se poden encontrar no seu web http://www.amesanl.org/index.asp e que consistirían no envío de varios textos-modelo dirixidos á Mesa do Parlamento e ao Presidente da Xunta de Galicia, pedíndolles o cesamento do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación respectivamente. Ademais, tamén animamos a xente a que participe da concentración de urxencia convocada pola plataforma cívica e unitaria “Queremos Galego” para este mesmo xoves, día 15 de decembro ás 11.30am diante da sede do Valedor do Pobo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
María do Mar Lopes González Diplomada en Maxisterio, especialidade en inglés. Actualmente estuda Lingua e Literatura Galegas na USC. É Presidenta da “Asociación Cultural Garipano”, colectivo que traballa na defensa da identidade, da lingua e da cultura galegas realizando campañas para a concienciación da sociedade. Participa en diferentes colectivos, plataformas e iniciativas: “Queremos Galego”, “A Mesa pola Normalización Lingüística”, “Galiza co Galego”.