A Xunta dá por rematado o proxecto final da Cidade da Cultura despois de 20 anos e máis de 300 millóns

O CSIC trasladará o Instituto de Ciencias do Patrimonio ao futuro Edificio Fontán do complexo do Gaiás. O complexo triplicou o orzamento previsto desde o comezo das obras.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/04/2019 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou este luns o traslado do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC ao que será o futuro Edificio Fontán, unha infraestrutura que porá o "broche final" ao complexo da Cidade da Cultura e onde, en total, traballarán unhas 200 persoas. Un "broche final" que chega logo de 20 anos de cambios nos proxectos orixinais polo gran sobrecusto dunha obra que supera os 300 millóns de euros.

A Cidade da Cultura terá o seu 'broche final' co Edificio Fontán, onde traballarán unhas 200 persoas. XUNTA
A Cidade da Cultura terá o seu 'broche final' co Edificio Fontán, onde traballarán unhas 200 persoas. XUNTA | Fonte: Europa Press

100 millóns de euros era o que o Goberno galego presidido entón por Manuel Fraga prevía gastar na Cidade da Cultura de Galicia. En 1999, cando se iniciou a planificación doutros complexos, o ex presidente galego quería converter a Cidade da Galicia noutro referente cultural como o museo Guggenheim de Bilbao ou a Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia.

Tras numerosos cambios, e a supresión de varios edificios, entre eles os do Teatro da Música e Novas Tecnoloxías, diseñouse un novo edificio, o Fontán, que acollerá, ademais do Incipit, o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (Ceipac), o Consorcio Interuniversitario de Galicia e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (Acsug).

En concreto, este luns Feijóo presidiu a firma do convenio entre a Xunta e o CSIC polo que se dará traslado á Cidade da Cultura do Incipit, que leva ocupando desde a súa creación en 2010 un edificio no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela (USC). No acto tamén estiveron presentes a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a de Educación, Carmen Pomar.

Este Instituto de Ciencias do Patrimonio ocupará en torno ao 20 por cento da superficie do Edificio Fontán. O presidente da Xunta indicou que o CSIC achegará 2,4 millóns pola cesión e asumirá os custos de mantemento. Segundo palabras de Feijóo, o Edificio Fontán "ocupará o que inicialmente estaba previsto para facer o Teatro da Ópera", unha xestión que permitiu o aforro duns "15 millóns de euros".

UNHA APOSTA "POLA INVESTIGACIÓN EN CIENCIAS SOCIAIS"

En canto ao acordo asinado con CSIC, o titular da Xunta celebrou esta aposta "pola investigación en ciencias sociais en áreas fundamentais para Galicia como a paisaxe e os itinerarios culturais".

Ademais, indicou que o Edificio Fontán albergará a unhas 200 persoas traballando: 19 do Consorcio Interuniversitario, 17 da Acsug, 100 investigadores do Ceipac, aínda que "non sempre" fisicamente, e outros 60 de "once nacionalidades" por parte do CSIC.

"Incrementarase, por tanto, o potencial do Monte Gaiás xerando, entre o Incipit e o Ceipac, unha referencia a nivel nacional nos estudos do patrimonio. E será positivo para os traballadores, que contarán cun espazo moderno e funcional para traballar", abundou o xefe do Goberno autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 lóstrego

Escoria conceptual. Demolición xa!

1 Gamela

Incipit https://youtu.be/bRfwBsB7JL0?t=5m18... As cousas sempre teñen un Incipit e un final ! http://www.incipit.csic.es/es/Direc...